Ribadeo, 10 de xullo de 2020. ACISA Ribadeo ven de facer un balance inicial da situación no comercio e na hostalería locais tras o decreto da Xunta do pasado domingo, que restrinxiu a mobilidade na comarca da Mariña. A asociación estima unhas perdas superiores aos 4 millóns de euros e chaman á responsabilidade da cidadanía, recordando que tanto os comercios coma a hostalería de Ribadeo asociados cumpren con todas as normas sanitarias e de seguridade.
Segundo indicou hoxe o xerente de ACISA, Jesús Pérez, “nunha primeira valoración, estimamos unhas perdas que poden superar os 4 millóns de euros. Tres millóns de euros derívanse só da cancelación do Ribadeo Indiano, que non imos celebrar por responsabilidade e seguridade. E temos que engadir agora esta nova situación pola que estamos a atravesar e coa que non contabamos. Neste caso estimamos as perdas ocasionadas polas cancelacións en hoteis e en restauración nun millón de euros máis”.
A hostalería é un sector que se ve fortemente prexudicado por esta situación: “estamos a falar que dende o domingo se cancelaron o 95% das reservas en hoteis para esta semana e mais do 75% para todo o mes. Nalgún caso, fálase de cancelacións xa para setembro. Os restaurantes perderon cerca do 85% de facturación con respecto á pasada semana. E as tendas locais tamén se ven afectadas, estimándose as perdas en máis do 75%”, segundo declarou o xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo.
Pérez Prada indicou que “a todo isto súmaselle que por falta de clientes, moitos negocios están tendo que facer de novo ERTES, outros tomaron a decisión de volver pechar hasta que se normalice todo e outros están a axustar os horarios”.
Francisco Iriarte, presidente de ACISA Ribadeo, dixo que “esta situación é inviable. Non só perdemos o turismo, senón que tamén perdemos o cliente habitual da zona. Con estes datos as empresas da Mariña necesitan axudas extraordinarias de todas as administracións ou moitas no poderán acabar o ano”.
Iriarte Quintana manifestou que “en Ribadeo necesitamos volver á situación na que estábamos. Hai moitos soldos e moitas familias que dependen de que se poida traballar cunha certa normalidade. Ribadeo non está peor que unha grande parte de España que está a traballar cunha certa normalidade.” E engadiu que “é moi importante tranquilizar á veciñanza e transmitirlles confianza e seguridade. En todos os negocios en Ribadeo estanse a cumprir as normas hixiénicas, sanitarias e de prevención. Todo o persoal usa mascarillas, hixienízanse e contrólanse os aforos; e todos teñen os protocolos de prevención activados”.
O presidente de Acisa tamén fixo unha chamada tanto aos ribadenses coma os veciños e veciñas da comarca e aos turistas e recalcou a importancia de volver a Ribadeo en canto se poida: “somos unha vila segura cuns negocios seguros, e se todos somos responsables cumprindo as normas, usando as mascarillas e mantendo a distancia de seguridade, poderemos gozar dun verán en condicións. As cousas non teñen por qué empeorar. Os nosos veciños e veciñas deben saber que os seus negocios os necesitan”.
Segundo o xerente da patronal “dende ACISA estamos a traballar en novas fórmulas que reforcen as garantías de seguridade e de cumprimento das normas, para que os veciños e visitantes non teñan ningún problema e que esperamos ter listas para a semana que ven”.
O presidente de ACISA, Francisco Iriarte, insistiu: “quero lembrarlles aos empresarios e á cidadanía que este fin de semana sexan, se cabe, mais responsables aínda. O Ribadeo Indiano cancelouse por seguridade e responsabilidade, por iso nesta fin de semana queremos recalcarlles a todos que se queremos que isto pase pronto e que os nosos negocios volvan a traballar con normalidade debemos ser moi estritos e responsables. Xa teremos tempo de celebrar e xuntarnos para festas e comidas, pero o 2020 demanda sentidiño”. E envía o seu apoio aos comercios e empresas locais: “quero acabar dándolles ánimos aos empresarios da vila. Estamos a vivir momentos duros, pero como sempre fixemos en Ribadeo, desta sairemos. ACISA vai estar a carón de todos os seus socios e socias para o que precisen e faremos todo o que estea nas nosas mans para axudar”.