Lugo, 20 de xullo de 2020. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de reforma integral que executou nos últimos meses na estación de autobuses de Viveiro, ás que destinou un orzamento de 221.300 euros.
Entre os traballos realizados destaca a substitución total da cuberta do edificio da estación, así como a aplicación dun tratamento anticorrosión á cuberta da dársena.
O proxecto incluíu o cambio da porta exterior de acceso dos autobuses á dársena, o pintado dos bordos e diversas actuacións de mellora e acondicionamento no interior do edificio, que afectaron principalmente aos falsos teitos e aos aseos.
Tamén se colocaron unhas pantallas electrónicas para reforzar a información sobre as chegadas e saídas dos autobuses.
A finalidade das obras é proporcionarlles ás persoas usuarias do transporte público unhas instalacións máis cómodas e eficientes e con máis información sobre horarios, servizos e liñas dispoñibles.