Lugo, 9 de xullo de 2020. A Xunta de Galicia está a realizar estes días un novo envío con 19.200 unidades de protección contra o coronavirus aos centros asistenciais da Mariña; entre o material achegado nesta ocasión figuran 9.300 guantes, 8.781 máscaras, 110 batas e mandís e 900 gorros e calzas.
Este é a décimo quinta entrega con destino ás residencias de maiores ou de persoas en situación de dependencia, vivendas tuteladas ou centros de día de iniciativa social da comarca. En concreto, o material entregarase en centros situados nos municipios de Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, Viveiro e Xove.
A través das distintas entregas, o Goberno galego colaborou con todos os centros asistenciais da Mariña que constan no rexistro autonómico, tanto de xestión pública como privada. Deste xeito, o material subministrado dende o inicio da crise sanitaria alcanza as 233.600 unidades, entre as que destacan 111.000 máscaras e 110.500 guantes, así como equipos de protección individual e xel desinfectante.
Cómpre destacar que a Xunta tamén vén de distribuír 50.000 unidades de protección contra a Covid-19 para os sete campamentos xuvenís da Consellería de Política Social que se porán en marcha a partir da vindeira semana, entre os que figuran os de Area en Viveiro e A Devesa en Ribadeo.
Estas entregas estanse a realizar a través da plataforma loxística que a Xunta puxo en marcha para centralizar a adquisición e a distribución de material de protección durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.
Con esta medida, a Administración galega pretende garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestes centros coidando aos colectivos máis vulnerables ao contaxio por coronavirus.