Cervo, a 20 de xullo de 2020. As organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT presentaron hoxe denuncia na Inspección de Traballo contra a multinacional do aluminio por decretar un peche patronal e impedirlle aos traballadores e traballadoras das contratas e subcontratas acceder á fábrica para realizar o seu traballo con normalidade. Cómpre subliñar que a folga indefinida que comezou hoxe está convocada polo comité de empresa de Alcoa e afecta ao persoal da principal, e non será até mañá, martes 21, cando se faga efectiva legalmente a convocatoria de paro xeral nas auxiliares.
Ao non estar cubertos pola convocatoria de folga, os traballadores e as traballadoras das auxiliares acudiron hoxe ao seu posto con normalidade, pero para a súa sorpresa Alcoa non lles permitiu acceder ao complexo industrial para realizar as súas tarefas, decretando un peche patronal absolutamente ilegal.
Dende a plataforma coordinadora de auxiliares denuncian que Alcoa está utilizando a convocatoria de folga como escusa para parar a produción, reducir a carga de traballo e aforrar cartos a conta do conxunto do persoal. Diante desta vulneración de dereitos, xa foi presentada denuncia na Inspección de Traballo para que adopte as medidas oportunas, pois a empresa non ten potestade para vulnerar o dereito ao traballo e decidir que persoal pode acudir ou non ao seu posto.
Este é un exemplo máis do escaso respecto que Alcoa ten polos dereitos do persoal das auxiliares, que se suma á nula vontade da empresa para abordar na mesa de negociación a problemática específica deste colectivo laboral formado por máis de 1.000 traballadores/as.