A Mesa vén denunciando dende o pasado mes de marzo que “a atención que se nos presta aos galegos e ás galegas no noso idioma é practicamente inexistente en todo o relativo á Covid”, dando lugar a “unha grave limitación ao noso dereito fundamental a expresármonos no noso idioma coa administración autonómica”. O desprezo pola nosa lingua amósase na atención telefónica, na app do Sergas (que ofrece a información sobre o Coronavirus en castelán aínda que estea habilitada a opción en galego) e no feito de que o presidente e os cargos políticos do sistema galego de saúde prioricen o español nas súas comparecencias públicas sobre a pandemia.