Amosaron dende a candidatura a súa preocupación ao comprobar, en varias explotacións, como “cultivos de millo recentemente sementado foron case arrasados polo xabarín, e tiveron que ser repostos, sen unha certeza de que non volvan correr outra vez esa mesma sorte”.
Para a Marea Galeguista, “os afectados deben ser indemnizados nestes casos polo valor real das súas perdas e non só polos importes que agora se lles recoñecen, incluso con dificultades ás veces para acreditar a propiedade do cultivo, debido ao noso sistema tradicional de propiedade”.
A Marea Galeguista ve necesario afrontar a futuro o problema da superpoboación de xabarís, por causar “un desequilibrio ecolóxico e un grave problema que se manifesta noutros ámbitos como é o do tráfico rodado, causando accidentes de relevancia”.
Durante as visitas, conversaron tamén con produtores e representantes de cooperativas do sector, que lles fixeron saber das súas reivindicacións polo cartel do leite. A Marea Galeguista amosou o seu apoio aos produtores, apostando por “reforzar os controis sobre prácticas comerciais abusivas así como a presenza directa e con voz dos produtores nas institucións en todo aquilo que lles afecte directamente”.