A Mariña, a 20 de xullo de 2020. “Agora necesitamos dilixencia e actuacións contundentes por parte do Goberno español e galego”. Esta foi a demanda que trasladou a CIG na reunión telemática da mesa multilateral de Alcoa que hoxe tivo lugar, tan só unhas horas despois da xuntanza do período de consultas do ERE que a multinacional se nega a paralizar. Nesta liña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, demandou a convocatoria dunha reunión presencial na que o Ministerio de Industria oficialice as xestións realizadas dende o 23 de xuño para desenvolver a súa proposta industrial, na que todas as partes “queden retratadas nos seus posicionamentos” e avanzar na ruptura do “fatal desenlace” de parada das cubas e despedimentos que quere a empresa.
Carril subliñou que estamos en vésperas do remate do período de consultas do ERE pero o plan industrial segue sen materializarse e Alcoa non quere vincularse con ningún escenario formulado nesa proposta: socio inversor que acompañe á multinacional na produción de aluminio primario ou venda da fábrica. “É a hora de actuar e pór en marcha os mecanismos para a intervención pública da planta porque non temos alternativa. Toda os esforzos na reunión de hoxe coa empresa foron para discutir se se ampliaba unha semana ou dúas o período de consultar; é dicir, métenos nunha ruleta rusa nos próximos días sen saber cal vai ser o resultado final”.
Sobre a intervención pública, dende o Ministerio botaron balóns fóra e descargaron esta responsabilidade na Xunta de Galiza, pois entenden que o Goberno español xa está “intervindo”, pero noutra liña “que non é a que nós demandamos”, matizou Carril. O secretario xeral da CIG insistiu na urxencia da situación e na necesidade de “acompasar” as accións por parte das administracións e as organizacións sindicais para acadar unha saída de futuro e viábel. “O Goberno español e a Xunta de Galiza deben de actuar xa, porque ao final superaranos o tempo na negociación do ERE fronte á alternativa que presente o Ministerio”.
Durante a reunión, a CIG reclamou unha vez máis que se atenda a problemática específica do persoal das auxiliares e que se contemple a estes traballadores e traballadoras en calquera saída que se busque para o complexo, tendo en conta ademais que Alcoa se nega en redondo a abordar a situación no emprego das súas contratas e subcontratas, malia ser persoal que opera en exclusiva na factoría de San Cibrao.