Villares apunta que as informacións que foron transcendendo nos últimos días “énchennos de maior incerteza se cabe, pero non podemos deixar de perder a esperanza”. O único que queremos –engade- é que se siga a producir aluminio na Mariña, con independencia da empresa que estea, e a solución segue a ser a mesma que levamos reclamando todos –sindicatos, cidadanía, administracións- este último ano e medio: un estatuto que garanta un prezo da enerxía que faga que a nosa industria sexa competitiva no marco europeo.
En todo este tempo, o Goberno non deu a coñecer ningún documento, e agora, fai dúas semanas Alcoa anunciou o peche. Iniciou un camiño que todos agardamos que se poida retornar; é cuestión de vontade e de feitos; precisa.
Neste sentido Villares recorda que A Mariña viña recibindo do Estado 90 millóns de euros que compensaban o prezo da enerxía, e que nestes dous últimos anos -2018 e 2019- o Goberno limitou a tan só 20 millóns. O rexedor pregúntase para onde foron eses cartos que se escaparon da Mariña e que garantían a viabilidade da nosa industria?
E por que neste ano e medio non aprobou o Estatuto Electrointensivo que é primordial para a nosa industria?
Por que neste tempo non deu ningún paso para poder solucionar este problema que todos viamos que se nos viña enriba?
Son cuestións –engade- que poño enriba da mesa ás que non lles atopo unha explicación razoable e que son claves para poder salvar A Mariña. Desgraciadamente, xa estamos na conta atrás –precisa- pero o Goberno aínda está a tempo de reverter esta situación agónica para toda unha comarca; a aprobación dese marco enerxético estable é clave para poder ter un futuro.