Site icon Crónica3.com A Mariña

Vega lembra que a Xunta segue aportando material ao Concello, residencias e ao tecido económico local para combater o coronavirus en Ribadeo

Ribadeo, 7 de xuño, 2020. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular neste municipio, Daniel Vega, explica que se trata dunha nova doazón que o Goberno autonómico fai á entidade local, polo que, dende que esta administración comezou a adquirir material pola súa conta, a pesares de ser esta unha competencia que asumiu directamente o Executivo central, achegou a Ribadeo un total de 2.278 máscaras, 2.133 luvas, 25 botes de hidroxel, 103 traxes, 73 batas, 5 garrafas de desinfectante e 13 de lixivia, e 13 pantallas faciais.

“A Xunta de Galicia actuou con prontitude, anticipándose incluso á administración que é a que ten as responsabilidades encomendadas para facelo. E fíxoo con medidas sanitarias e económicas. Por iso, estamos en mellor situación que outras comunidades”, afirma o tamén deputado autonómico.

Para Daniel Vega esta colaboración “non é menor, sobre todo, porque nestes máis de 70 días de estado de alarma o centro de saúde, a residencia de maiores, os traballadores do SAF e todos os profesionais considerados esenciais, precisan deste material para o seu traballo diario, que procede, en moitos casos, de recursos propios, de doazóns de empresas, institucións e mesmo particulares que altruistamente non dubidaron en axudar nesta situación complicada”.

Material tamén para os maiores e comerciantes
Esta colaboración, lembra Vega, estendeuse tamén ás dúas residencias públicas da terceira idade, así como ás vivendas comunitarias, que tamén recibiron diverso material. A Asociación de Comerciantes e Autonómos de Ribadeo (ACISA), tamén se viu beneficiada. A Xunta de Galicia fíxolle chegar a esta entidade 4.300 máscaras que foron distribuídas aos socios e a todos aqueles pequenos empresarios que as solicitaron, como é o caso dos taxistas e dos placeiros da Praza de Abastos.

Exit mobile version