Site icon Crónica3.com A Mariña

“URXENTE: se se quere, pódese! (I)”, por Alfonso Villares

Esta frase é a que nos ten que importar, e conseguir que se cumpra vai ser o noso único obxectivo. Nada nin ninguén nos pode despistar neste momento.
A solución está onde sempre estivo, no Goberno central.
Estamos a xogarnos moito todos os mariñáns, todos os lucenses, todos os galegos.
E todo é moito máis sinxelo do que algúns nos queren dar a ver.
Faltan 70 millóns de euros anuais que viñan para a Mariña en forma de tarifa eléctrica. O custo enerxético na produción do aluminio primario é entorno ao 40 % do seu custo total. Durante todos os anos da existencia da nosa empresa de aluminio na comarca necesitouse desa axuda estatal para minorar ese alto custo enerxético.
Daba igual que gobernaran uns ou outros. Viñan entorno a 90 millóns anuais para a nosa comarca. Nestes dous últimos anos veñen só 20 millóns anuais.
Fáltannos 70 millóns de euros anuais a todos os mariñáns.
Por iso mesmo, este último ano e medio, a empresa e tamén o comité de empresa, e distintas Comunidades Autonómas veñen reclamando ese estatuto das empresas electrointensivas. Ese estatuto é o instrumento legal para despois poñer eses 90 millóns de euros anuais que sempre tivemos os mariñáns.
Anteriormente os instrumentos legais que se utilizaban para minorizar o prezo da luz eran en primeiro lugar os fondos estatais (cando a empresa era pública) e despois as tarifas G4 e o pago da interrumpibilidade (dende que a empresa é privada).
Pero o que máis importa non é ese instrumento en si, que tamén, senón que ese instrumento poida incluír os 90 millóns de euros anuais que a Mariña necesita. Cuestión que calquera de nós podemos entender perfectamente.
Onde van eses 70 millóns anuais que nos quitaron?
Para onde destinou o Goberno central eses cartos que sempre foron nosos?
Pero estamos a tempo de que quen nos quitou eses cartos nolos devolva. Eses cartos non son da empresa, son de todos os mariñáns. A nós a empresa que faga aluminio dános igual que sexa unha que outra. Pero eses cartos que nos quitaron son fundamentais para seguir producindo aluminio na nosa comarca. Son uns cartos necesarios para a nosa vida; son uns cartos necesarios para todos, traballemos ou non en Alcoa; sexamos da empresa privada ou da pública.
Se estes cartos non veñen, o noso empobrecemento vai ser moi grande. Un empobrecemento en nome da emigración pero tamén unha minusvalía/desvalorización de todos os bens que nestes momentos temos.
Pero crédeme, aínda se pode reverter a situación! É só cuestión de querer. É cuestión de que o Goberno central nos devolva eses cartos que nos quitou e que nolos volvan poñer nas nosas mans. Con eses cartos encima da mesa, se non é Alcoa, xa será outra empresa a que queira facer aluminio na comarca. Pero non vaiamos pensar que esta empresa se quede, ou que veña outra, se saben que non van poder dispoñer dos 70 millóns de euros anuais para minimizar o prezo da luz.
O produto que sae da nosa fábrica é moi bo. O capital humano da empresa é un capital dunha alta calidade, moi difícil de atopar noutras zonas do planeta. Temos moitas razóns encima da mesa para pedirlle ao Goberno central que nos devolva o que nos quitou.
Pero non é o momento de que ninguén queira despistarnos. Non é o momento de falar de cousas distintas das que levamos falando durante estes últimos anos. O noso discurso é o de sempre.
O noso discurso é o mesmo que mantiveron todos os comités de empresa que houbo nestes anos.
O mesmo discurso que mantiveron todos os partidos políticos desde sempre.
O problema da viabilidade da nosa empresa é un problema enerxético. A nosa solución é a tarifa eléctrica en forma de estatuto.
A nosa solución é que nos devolvan eses 70 millóns anuais que nos quitaron a todos os mariñáns.

Exit mobile version