Foz, 14 de xuño, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que Alcoa debe ter futuro e que este pasa por un prezo competitivo da enerxía, sinalando que non se lle está pedindo ao Goberno de Sánchez nada que non fixeran antes os Executivos de Rodríguez Zapatero ou de Mariano Rajoy.
O número dous dos populares galegos participou nunha concentración en Foz para evitar o peche da factoría de San Cibrao onde estivo acompañado pola cabeza de lista ao Parlamento galego pola provincia de Lugo, Elena Candia, por membros da candidatura do PPdeG ás Eleccións Autonómicas e por alcaldes e voceiros do PP da comarca. Alí, todos eles amosaron o seu apoio e respaldo aos traballadores de Alcoa e a todos os veciños da Mariña lucense en xeral.
Como insistiu Tellado, o futuro da factoría é tamén o da Mariña lucense “e non estamos dispostos a renunciar a el”, dixo subliñando que estamos ante unha situación moi preocupante que os populares viñan advertindo de que se podía dar se o Goberno central non asumía a necesidade de adoptar medidas de apoio ao sector da industria electrointensiva.
Nese senso, pediu ao Executivo de Sánchez que faga o mesmo que os Gobernos de Italia, Alemaña ou Francia, ou como tamén fixeron as Administracións de Rajoy e de Zapatero, que é intervir no sector eléctrico, no prezo na electricidade da industria electrointensiva. “É o que lle demandamos, xa que esta planta, a única de España de produción de aluminio primario, non pode seguir competindo na contorna comunitaria se non se garanten prezos que o permitan”, destacou.
O secretario xeral incidiu en que o Goberno de España faga o que leva ano e medio prometendo e non facendo pero que si fixeron Executivos anteriores en situacións similares. “É moi importante para a Mariña lucense e para toda a industria electrointensiva galega, xa que detrás de Alcoa poden vir moitas máis”, sentenciou.