Burela, 1 de xuño, 2020. Despois de dous meses e medio, o Pescados Rubén Burela FS puido regresar hoxe aos adestramentos nesta Fase 2 da desescalada, de acordo ao protocolo de Ministerio de Sanidade e do Consello Superior de Deportes e coas directrices e consellos do corpo médico do club. Vista Alegre recibiu ás Guerreiras Laranxas para comezar a preparar os play offs exprés polo título de Primeira RFEF.
A escuadra mariñá arrincou a semana con sesións físicas en grupos reducidos, de 3-4 xogadoras, coa supervisión do preparador físico, Pablo Díaz, e o apoio da delegada Emma Losada. A partir de mañá alternarán os adestramentos en pista cos do complexo deportivo da Marosa.
A primeira sesión grupal está prevista para a próxima semana.