O rexedor ribadense contou que “hoxe é un día de reapertura e todas as instalacións da piscina municipal de Ribadeo reabren as súas portas para os seus abonados”.
Fernando Suárez subliñou que “o obxectivo conxunto tanto do Concello de Ribadeo, como titular das instalacións, como tamén do concesionario delas, que é BeOne, é conseguir que os usuarios sigan gozando da mellor experiencia deportiva pero con todas as garantías de saúde, de seguridade e de benestar. Para iso adaptáronse as instalacións para cumprir con todas as esixencias do Estado, da Xunta e máis as locais, e adoptáronse unha serie de protocolos propios para garantir tamén o benestar e a seguridade pública”.
O alcalde explicou que “todas as medidas, adoptadas en todos estes centros deportivos, estiveron auditadas e certificadas pola Cátedra do Deporte da Universidade Politécnica de Valencia e, entre todas elas, cabe destacar o uso de máscaras en zonas comúns, o reforzo da hixiene, da limpeza e da desinfección, a colocación de mamparas na recepción, a toma de temperatura no acceso, e tamén vai haber unha renovación constante de aire e a desinfección continua de filtros de ventilación. Vai haber ademais puntos de desinfección de calzado e das mans”.
Suárez Barcia dixo que “o horario preferente tamén vai existir para os maiores de 65 anos, vai haber control de aforo para poder respectar sempre a distancia de seguridade mínima entre os usuarios e o distanciamento entre máquinas. Na zona da auga, tanto no que ten que ver coa piscina como no spa, reforzáronse ao máximo as medidas de desinfección e de limpeza, e contrólanse exhaustivamente os parámetros técnicos nestes espazos. Vai haber tamén sinalización da dirección e puntos de ubicación, e vai ser obrigatorio o uso de dúas toallas, unha para o suor e outra para as zonas de contacto. Ademais hai unha dirección electrónica dunha páxina web onde se poden consultar o resto de medidas”.
O rexedor seguiu a relatar que “todo o persoal que traballa recibiu formación nestas medidas de seguridade, tantos nas áreas específicas como nas técnicas, co fin de poder ofrecer aos aboados unha excelente experiencia deportiva”. No ximnasio as actividades de cardio poderán practicarse sen mascarilla, mentres que para o resto será obrigatorio o uso da mesma.
Fernando Suárez engadiu que “tal e como se manifestou no seu momento, BeOne vai compensar os servizos que xa están pagos e os non gozados do mes de marzo, e vai permitir o acceso gratuíto dos usuarios e das usuarias que non se deron de baixa durante o peche forzado ata o próximo 30 de xuño. Polo tanto cabe dicir que, con precaución e cumprindo as novas normas, xa non hai escusa para volver ás instalacións da piscina municipal de Ribadeo, manterse en forma e desfrutar do deporte, iso si, con seguridade”.