Pontón afirmou que a solución para a ALCOA é “a nacionalización e unha tarifa eléctrica” para acabar co espolio exerxético en Galiza e insistiu en que hoxe é máis necesario que nunca “vontade política” para salvar miles de empregos en toda a comarca da Mariña ante o anuncio de peche dunha fábrica vital para o futuro desta comarca.
A día de hoxe, dixo, hai máis 534 traballadores e traballadoras en risco aos que hai que sumar os das empresas auxiliares. Resulta “un escándalo” que nin o goberno galego nin o goberno central defendan unha alternativa viable cando esta altenativa existe, “nacionalizar a fábrica e xunto a esa intervención pública, unha tarifa eléctrica galega que nos permita poñer fin ao espolio desta enerxía”, recalcou.
Pontón asegurou que resulta inconcebible que con tanta riqueza eléctrica en Galiza teñamos o futuro desta comarca pendente desta enerxía. “É urxente que a Xunta e o goberno central busquen solución e non problemas”, afirmou.
Feixóo non se reúne cos traballadores e traballadoras de ALCOA
A nacionalista explicou que na actualidade contamos cun marco eléctrico que puxo en marcha o Partido popular e non foi modificado polo Partido socialista, a pesar “das súas promesas”. Feijóo, engadiu Pontón, “leva desaparecido en combate desde que sabemos que a comarca da Mariña ten en risco o seu futuro” e non entendemos como o Presidente da Xunta, o candidato do Partido popular, leva dez días sin reunirse cos traballadores e traballadoras desta comarca. “Qué hai máis urxente que defender o emprego?” Qué hai máis importante que defender unha factoría que representa o 30% do PIB e miles de postos de traballo? preguntou.
A portavoz do BNG comprometéuse a defender o futuro de ALCOA cunha “intervención pública entre a Xunta e o Estado e unha defensa dun novo marco enerxéctico” no que todos os galegos e galegas teñamos garantida unha tarifa que rebaixe o prezo da enerxía. En Euskadi, o lendakari Urkullo defendeu esa tarifa mentres en Galiza, “Feixóo vetou a tarifa durante estes anos, a pesar de ser unha solución para os traballadores da Mariña e para moitas empresas do noso país”, concluíu.