A Mariña, 8 de Xuño 2020. A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro co comité de empresa de ALCOA-San Cibrao e tamén das auxiliares “no que trasladamos todo o apoio do BNG e os parabéns pola gran mobilización que demostra que hai toda unha comarca en pé en defensa do emprego porque esta factoría e vital e desde o BNG imos traballar para darlle futuro ao emprego e á produción de aluminio que é estratéxica”.
A líder nacionalista salientou o seu convencemento “de que se esta fábrica de aluminio primario non estivese aquí na Mariña senón en Madrid o problema xa estaría resolto e o que reclamamos desde o Bloque e que Xunta e Goberno central traballen man a man para dar unha solución a ALCOA, porque a xente desta comarca sabe perfectamente quen son os responsables desta situación, tanto o PP como o PSOE”, salientou ante os medios tras o encontro.
Os primeiros porque aprobaron un marco enerxético que é unha ruína para o sector industrial galego e os segundos porque o mantiveron e non foron capaces de cumprir os seus compromisos, “e estamos no momento das solucións, porque Galiza non se pode permitir perder nin unha soa industria, nin unha so emprego, nin unha factoría nun sector estratéxico”, reclamou.
Solución que para o Bloque pasa pola intervención pública a través dunha nacionalización que permita garantir os postos de traballo porque unha operación de compra-venda privada co actual marco enerxético “xa vimos cal foi o resultado na antiga factoría de ALCOA na Coruña”. Polo tanto, intervención pública “e non aceptamos un non por resposta dos mesmos é que salvaron a banca con 90.000 millóns de euros”, indicou nunha xuntanza na que tamén participou a cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil.
A líder nacionalista tamén insistiu en que hai recursos porque está previsto que o Estado español reciba 140.000 millón de euros da UE, “e unha parte debe estar destinada a salvar o emprego real e unha produción estratéxica porque senón producimos aluminio o que faremos será mercar o que ven de fora”.
Pontón foi contundente co papel de “brazos caídos” e de inacción política de Feixóo, en modo espectador como senón levase uha década instalado en Montepío.
“O presidente da Xunta e candidato á Presidencia debe implicarse na solución, leva dez días escondido, sen dar a cara e sen mostrar unha alternativa viable, a que espera para dar alternativas e propostas de futuro? Non podemos ter un presidente escondido que prefire esa política de canto peor mellor porque cree que pode sacar réditos electorais e porque entendemos que neste momento se require altura de miras e que a Xunta estivese liderando a alternativa da intervención pública apostando porque esa fose a solución”, concluíu.