“Desde o minuto cero puxemos sobre a mesa unha solución viable e executable de xeito inmediato, unha solución con dúas patas: intervención por parte da Xunta e do Estado para nacionalizar ALCOA e tarifa eléctrica galega que permita ter un prezo competitivo da enerxía, porque temos que acabar co espolio enerxético que pon en risco miles de empregos polos custes enerxéticos nun país rico en electricidade”, argumentou Pontón durante o debate na Cámara.
Unha alternativa “real, factible e legal”, salientou a líder nacionalista, para cuxa execución se dispón de fondos tendo en conta que o Estado ten previsto recibir 140.000 millóns de euros da Unión Europa.
“Por favor, non nós digan que non é posible os mesmos que non tiveron empacho en nacionalizar a banca con 90.000 M€, os mesmos que puxeron sobre a mesa 5.000 M€ para rescatar as radiais madrileñas, queren agora convencernos de que non é posible intervir ALCOA para preservar miles de postos de traballo?”, interpelou Pontón, tras lembrar que os países do entorno están levando a cabo intervencións públicas para rescatar empresas estratéxicas, empezando pola chanceler Angela Merkel.
“Nin o marco normativo galego, nin o do Estado nin o da Unión Europea impiden a nacionalización de ALCOA, non existe impedimento legal e vai haber recursos porque o Estado terá acceso a 140.000 M€ de fondos europeos. Polo tanto, o único que se necesita é vontade política que nos permita saír de aquí cun acordo a favor do país, para preservar o emprego e salvar unha comarca enteira”, salientou, “non lle falten ao respecto a este país, non lle falten ao respecto as familias que temen polo seu futuro e polo futuro dos seus fill@s, porque na Mariña hai casas con até tres xeracións traballando na factoría de ALCOA, avós, pais e fillos”.
Neste sentido, a líder nacionalista criticou que, mesmo nesta situación de emerxencia industrial, PP e PSOE exerzan unha defensa de parte en lugar de dar a cara pola xente.
“Por unha vez, as forzas estatais poden deixar de utilizar Galiza como arma arreboladiza na súa estratexia de confrontación partidista e aportar solucións? Parece que non, que Galiza é sempre a última carta da baralla e o demostran sempre que poden, sen ir máis lonxe, fai apenas uns días no Congreso cando PP-PSOE-Podemos asinaron un escrito a favor da factoría de NISSAN en Catalunya, pero foron incapaces de facelo para apoiar ALCOA-San Cibrao”, denunciou Pontón.
Feixóo: ausente, desleal e fakerelato
A líder do Bloque foi moi crítica coa ausencia do xefe do Executivo nun pleno non que se debatía o futuro de miles de empregos e da continuidade dun sector estratéxico. “Un Feixóo ausente, escapista, incompetente e desleal con Galiza”, de feito considerou “a quintaesencia” da deslealdade que unha semana despois de terse anunciado medio millar de despidos o presidente da Xunta “aínda non tivese tempo de reunirse cos traballadores e traballadoras de ALCOA”.
“Non se pon á fronte para dar solucións ante unha situación dramática nin é capaz de dar cara, pero que teñan claro que o fakerelato do PP, que o fakerelato de Feixóo xa non lle cola a ninguén, xa non engana a ninguén”, salientou.
“Estamos como estamos”, argumentou, “porque o Goberno do PP de Raxoi aprobou un marco enerxético que é unha ruína para a industria galega e porque o Goberno do PSOE de Sánchez continuou con ese marco enerxético sen facer nada, estamos como estamos porque o presidente-ausente tivo como gran aportación vetar sistematicamente a tarifa eléctrica galega que reclama o BNG, para conseguir algo que entende todo mundo menos el: que Galiza ten dereito a beneficiarse da súa riqueza”.
“Eu non estou polo labor de deixar caer máis empresas neste país e non imos permitir que A Mariña perda o seu principal sustento económico, nin que Galiza perda a produción estratéxica de aluminio, o BNG non lle vai fallar aos galegos e as galegas e demostraremos que non hai nada imposible se hai vontade política e ganas de sacar este país adiante, e no Bloque temos as dúas”, concluíu.