Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas denuncian reparto caciquil e clientelar do PP co programa Aprol Rural 2020

 O Valadouro, 12 de xuño de 2020. A Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, Patricia Otero criticou o reparto caciquil e clientelar do Goberno do PP na provincia de Lugo. Concretamente aludiu ao programa Aprol Rural 2020 que conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros da Conselleira de Economía e Emprego, coa que se contratan 101 desempregados en 63 concellos.

A dirixente socialista dixo que “a convocatoria deste programa favorece de xeito descarado aos concellos do PP, xa que reciben máis puntuación por formar parte da Xunta a través do proxecto Doing Business . Non entendemos como o PP obriga aos concellos a estar inscrito nun proxecto para recibir unha subvención, xa que debe primar por riba de todo os criterios obxectivos e as necesidades de cada vila”, advertiu.

Pola contra a secretaria provincial puxo como exemplo as achegas equitativas que impulsa a Deputación de Lugo, a través do Plan Único. “Os fondos distribúense tendo en conta poboación, superficie, extensión territorial e taxa de envellecemento. Son criterios obxectivos que garanten un reparto equitativo, este é o exemplo e o modelo a seguir e non o reparto discriminatorio do PP de Feijóo na provincia de Lugo”, concretou.

Otero replicou coas cifras na man “co programa Aprol Rural nos concellos onde non goberna o PP na provincia concederon 37 traballadores para un total de 33 concellos, e que abranguen unha poboación que 133.973 lucenses. E pola contra, nos concellos onde goberna o Partido Popular foron un total de 64 traballadores para 30 municipios que se corresponden con outros 87.143 lucenses”.

No que se refire ao orzamento adicado a este proxecto constatase claramente o reparto clientelar destes fondos públicos. “Tal e como recolle a convocatoria conta cun orzamento total 1,4 millóns de euros, dos cales 545.000 euros destinaronse a 33 concellos onde non goberna o PP, e os 852.000 euros restantes foron para os 30 do PP. É dicir o 60,95 % dos fondos recae nos concellos do PP, e o resto, o 39,05 % onde non gobernan os populares”.

Otero resumiu “queda claro que para acadar unha boa puntuación no Aprol Rural 2020 só había que cumprir unha condición, ser do PP, esta era o requisito que máis puntuaba”.

Medida electoralista
O Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda que fixo de voceiro dos Alcaldes afectados, amosouse moi critico con todo o procedemento deste programa. “Este ano o anuncio desta convocatoria fíxose público agora no mes de xuño, cando na pasada anualidade fíxose en outubro, notase que estamos en campaña electoral”, advertiu.

Feijóo e o PP queren que nos saltemos a torera os procedementos
Tamén aludiu as bases do programa “a Xunta obriga a realizar o procedemento destas contratacións neste mesmo mes de xuño, cando xa están feitas as planificacións dos concellos. Por iso quero lembrar que na propia convocatoria non constaban estes requisitos, xa que os Concellos temos por lei, autonomía local para poder decidir a xestión e a organización dos mesmos. Feijóo e o PP queren que nos saltemos a torera todos os procedementos para poder cumprir esta normativa”, espetou.

“No Valadouro, como en moitos concellos da Mariña, temos moitas peticións que atender, pero calquera que goberne un Concello é consciente das necesidades ás que temos que facer fronte dia a dia. Por iso nós parece un auténtico despropósito o procedemento deste Plan. Queremos traballar e vivir no rural, pero o Goberno de Feijóo e do PP discrimínanos, abandónanos e por riba pretende organizar a política de cada concello, pasando por riba de nós e sen contar con nós”, resumiu.

Alcaldes
Patricia Otero estivo acompañada no Valadouro polo Alcalde; Edmundo Maseda; e tamén polos Alcaldes de Alfoz, Jorge Val Díaz; Lourenzá, Rocio López García; Ourol, Jose Luís Pajón Camba; A Pontenova, Darío Campos Conde e Trabada, Mayra García Bermudez, e a candidata Rosana Rielo.

Exit mobile version