Os socialistas mantiveron un encontro co rexedor ribeirego, no que Otero expuxo, a inacción do Goberno de Feijóo sobre as políticas de rexeneración demográfica. “Denunciámolo dende aquí, dende a Ribeira, o segundo Concello da provincia con menos poboación, onde Feijóo non investiu nin un só dos 305 millóns de euros das partidas para fixar poboación no rural”, insistiu.
“Feijóo non puxo en marcha nin unha soa iniciativa para impulsar e apoiar os sectores produtivos no rural, ao que engadir ademais, a falla de impulso ás actividades económicas agrícolas e gandeiras, así como a precarización dos servizos públicos das nosas vilas”. Nesa liña engadiu “nesta provincia puidemos constatar o peche de escolas infantís no rural, como a de Trabada, ou o desmantelamento dos servizos de Atención Primaria, con baixas que non se cobren nos centros de saúde de Trabada, Viveiro, O Vicedo, A Pontenova e Mondoñedo”, replicou.
A dirixente socialista advertiu que a nosa provincia “precisa políticas activas de emprego, de política social e de vertebración territorial nunha comunidade que presenta os peores datos demográficos de España, xa que morren dúas persoas por cada unha que nace”.
Segundo os últimos datos publicados, Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en perda de poboación. “Temos que conseguir que o rural siga sendo unha oportunidade de futuro, para todas e todos. Por iso temos que reverter esta situación, é necesario un mapa de servizos públicos básicos que garanta o acceso de toda a poboación galega a unha sanidade, unha educación e unha atención aos maiores que sexa de calidade, vivan onde vivan”.
Axencia de desenvolvemento rural e o reto demográfico
Dende o Grupo Socialista traballaremos na creación dunha axencia de desenvolvemento rural e o reto demográfico, un novo recurso, que contribuirá como garantía da defensa dos dereitos do rural.
Traballar a carón dos concellos
Pola súa banda o Alcalde de Ribera de Piquín, Roberto Fernández, remarcou que “é fundamental traballar a carón dos concellos para impulsar proxectos que permitan fixar poboación, como exemplo, algo fundamental como adaptar o sistema de transporte público para conectarnos cos concellos máis próximos. Non pedimos nin máis nin menos co resto, si pagamos impostos, merecemos os mesmos servizos”, dixo.
Roberto Fernández puxo como exemplo o investimento social da Deputación de Lugo neste concello. “Mentres o Goberno do PP esquece os Concellos pequenos, na Deputación de Lugo hai unha aposta clara pola defensa do rural. Neste concello as nosas veciñas e veciños poden desfrutar dun centro de día, gracias ao esforzo inversor da Deputación, e con cero euros investidos polo Goberno de Feijóo e o PP. Hai que lembrar que na nosa vila case o 50% da poboación supera os 65 anos. Estas políticas progresistas son as que hai que incentivar en Concellos como Ribeira de Piquín”.
Por último lembrou que presentou diversas emendas aos orzamentos do PP coas que reclamou un investimento de 345.000 euros para diversas dotacións e a mellora de equipacións públicas na vila, que contribúen a mellorar a calidade de todas e todos os veciños. “Concretamente para un vehículo motobomba, a adecuación da antiga escola para local cultural, así como un fogar residencial na pranta superior do antigo colexio e o adecentaento do entorno de centro de día municipal”, explicou.