Participaron o presidente da Asociación Galega de Albergues Privados, Miguel Ángel Rodríguez, o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, Juan Antonio Ribadulla, o presidente da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo e Natureza, Agustín Rico, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real e a representante da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, Beatriz Pérez.
Todos eles valoraron a transversalidade das xornadas organizadas pola Deputación e coincidiron na importancia de manter o sector turístico unido no novo escenario que se presenta tras a fase de confinamento e coa apertura de fronteiras cada vez máis próxima. Así mesmo, constataron que están preparados para facer fronte á nova normalidade post Covid-19 e que consideran clave para a reactivación do sector a aposta pola profesionalización, as garantías sanitarias e a cooperación coas institucións para promocionar os destinos, ademais de mostrarse preocupados pola ameaza que supón o intrusismo.
A Deputada de Turismo puxo en valor o esforzo e o traballo de todos os profesionais do eido turístico e destacou que nesta crise xogaron un papel difícil e agora deberán adaptarse as novas esixencias. “A provincia de Lugo ata agora contaba con recursos que eran unha opción á hora de viaxar pero hoxe ademais, son unha oportunidade. O valor engadido de ter espazos abertos, produtos de primeira calidade van ser fortalezas dentro do noso territorio e é fundamental a acción dos profesionais. Nestes momentos tan duros non podemos esquecer que a Deputación é a casa de todos os concellos, temos claro que vamos estar aquí para botar unha man. De todo isto podemos saír se temos a capacidade de sumar e non xerar enfrontamentos”.
O presidente da Asociación Galega de Albergues Privados, Miguel Ángel Rodríguez, sinalou que este é un gran desafío para todo o sector, pero que aínda así estanse formando e preparando con todas as medidas e condicións de seguridade óptimas. “Será necesario tomar medidas extremas, establecendo aforos moi concretos e puntuais, agora mesmo non poderemos pasar do 50% de ocupación para garantir esas condicións”.
Na mesma liña falou o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, Juan Antonio Ribadulla, que comentou que tras o primeiro mes de estado de alarma comezaron a formarse e a asistir a diferentes webminars. “Parece que o turismo interior de Galicia e España en xeral vai ser o primeiro que se recupere, as axencias estamos preparadas para volver á nosa actividade e atender aos nosos clientes”.
En canto ao turismo activo, o presidente da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo e Natureza, Agustín Rico, destacou o novo escenario ao que se enfronta este sector e a importancia de traballar de forma proactiva: “A capacidade de adaptación xoga un papel chave porque o escenario cambia de forma continuada. Toca enfocarse no que nos vén, toca clarificar o escenario de xogo e adaptarse de forma operativa onde as administracións e as empresas xogan un papel diferente e cada unha debe xogar o seu”.
O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real, agradeceu o traballo que está a realizar a Deputación para sacar adiante os diferentes sectores económicos da provincia e avanzou que “se etán elaborando, en colaboración coas administracións, protocolos e manuais para identificar as diferentes medidas a seguir, así tratamos de informarnos nós para informar aos clientes”.
Como última poñente participou a representante da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, Beatriz Pérez, quen sinalou que os principais obxectivos deste colectivo son a formación e a visibilidade. “Queremos que a nosa profesión se vexa como unha acción integradora, todos temos as mesmas inquedanzas e preocupacións, queremos que se nos vexa como alguén aberto á colaboración. O turismo é colaborar, o sector ten as ferramentas para loitar con un montón de inconvenientes”.
Novas xornadas
Os encontros de turismo online da institución provincial terán continuidade noutras tres sesións: na xornada de mañá xoves, e os días 15 e 17 de xuño, co obxectivo de converterse nun espazo de intercambio de información, análise e debate de opinións e tamén de escoita das necesidades do sector e das súas perspectivas sobre a reactivación turística da provincia. Con esta iniciativa, a Deputación pretende facilitar ademais a adaptación con garantías a todo o que esixe a nova normalidade na actividade hostaleira e turística e compartir a visión dos retos e oportunidades que ofrece o novo escenario para o sector.
As xornadas Abrindo as portas: o rexurdir do turismo son unha das accións da campaña EN LUGO, SI que promove a institución provincial para impulsar o tecido económico provincial na desescalada. Pretenden contribuír a incorporar ferramentas e dinámicas que sirvan para reforzar os valores e fortalezas da provincia de Lugo como destino turístico e para afrontar con garantías a chegada de visitantes neste verán.
Os foros de turismo online comezan ás 11:00 horas e contan coa participación da Deputada de Turismo, Pilar García Porto.
Mañá, no diálogo con representantes de institucións, entes de xestión e promoción e sociedade civil intervirán a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela Paz, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, Francisco Cajoto, a delegada da S.A. do Plan Xacobeo e Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, o presidente da Federación Veciñal Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela, e o Presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López Vázquez.
O luns 15 de xuño, noutro diálogo con colectivos empresariais participarán representantes da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia -AVITURGA-, Asociación de Balnearios de Galicia, Federación Galega de Comercio, Federación Galega de Turismo Rural e Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia -PROTURGA-.
O mércores 17 de xuño, no debate Traballando por unha hostalería segura intervirán representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo -APEHL, Hostalería de España e da Horeca Data e Proyecto Hostelería Segura.