Lugo, 23 de xuño de 2020. Os Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo celebran o Día de San Xoán con sardiñadas, churrascadas e actividades propias desta festividade. Os usuarios e usuarias das residencias de Ribadeo, Trabada, A Fonsagrada e Pol pasarán este día xuntos dunha maneira diferente e divertida.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, responsable da área de Benestar que xestiona os centros, explica que “estas actividades fan que os nosos maiores pasen unha xornada diferente, de alegría, e non só unha xornada, xa que levan preparando este día, tan arraigado en Galicia, durante toda a semana. Desfrutan moito das actividades, o que mellora a súa calidade de vida e benestar”. Así mesmo, Rivera subliña a disposición do cadro de persoal dos catro centros por involucrarse nestas actividades e converter un día normal nun día especial. “Nestes momentos é incluso máis importante promover accións, logo do período de confinamento que vimos de pasar”, subliña.
As direccións dos centros planificaron comidas e merendas a base de churrasco, sardiñas e filloas. Incluso esta noite realizarán pequenas fogueiras de maneira simbólica para realizar o ritual de boa sorte das herbas de San Xoán. Ao longo da semana pasada aproveitaron os seus paseos para ir recollendo flores e participaron en obradoiros e actividades para coñecer os ritos e refráns vencellados con esta festividade.
Centros e actividades
CAM de Trabada
– Hoxe, martes: Merenda especial con churrascada e sardiñada (sen espiñas). Música e baile e preparación das augas das 7 herbas de San Xoán.
– Mércores: Ritual das herbas de San Xoán.
CAM de Ribadeo
– Hoxe, martes: Asado de sardiñas nos exteriores do CAM a mediodía. Actividade de ditos e refráns sobre a festividade. Xantar con menú especial de San Xoán con sardiñas e patacas cocidas con pel. Pola tarde, actividades de animación e preparación das herbas de San Xoán, recollidas polos usuarios o día anterior.
– Mércores: Ritual das herbas de San Xoán.
CAM de Pol
– Hoxe, martes: Merenda especial con churrasco e sardiñas onde se celebrará o aniversario do mes. Festa con sangría e sidra sen alcol e recollida de herbas para o ritual de San Xoán. Ao anoitecer realizarán a fogueira do Lume Novo.
– Mércores: Ritual das herbas de San Xoán.
CAM da Fonsagrada
– Hoxe, martes: Merenda con filloas e chulas con chocolate e café, con música e baile. Presentarán o mural de San Xoán e colocarán as flores nas portas e ventás do centro. Antes da cea realizarán o ritual de auga de rosas e despois da cea proxectarán a fogueira e realizarán ritos de bos desexos.