Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide criterios claros para a asignación de medios do Parque Móbil Provincial aos concellos, e quere saber en cales traballou este ano

 Lugo, 2 de xuño de 2020. Na pasada sesión plenaria ordinaria da Deputación, celebrada por vía telemática, o grupo popular presentou varias iniciativas en forma de rogos e preguntas. Unha delas ten como obxectivo que o goberno provincial informe de maneira detallada de en que concellos realizou o Parque Móbil Provincial actuacións de mantemento da rede viaria no que vai deste ano, e que previsións e planificación manexa o goberno provincial respecto ao mesmo para os vindeiros meses. O viceportavoz popular José Antonio García explica que unha das finalidades desta pregunta é coñecer os criterios que se aplican para o reparto da maquinaria por concellos, que, di, deben ser obxectivos e públicos.

García sinala que deste servizo, indispensable para a mellora do estado das estradas, non se coñecen os criterios de distribución. Á vista desta falta de información e de que se detecta certa desigualdade por parte do goberno provincial á hora de poñelo a disposición das entidades locais, hai alcaldes que expresan queixas, “pois mentres algúns rexedores xa tiveron as máquinas no seu concello varias veces, outros, sen embargo, aínda as están agardando”.

O mesmo representante do PP destaca que entre as obrigas da Deputación de Lugo está a xestión da súa rede viaria e a asistencia aos concellos. Unha das maneiras de atender estas obrigas e por medio da reparación das vías municipais mediante os recursos do Parque Móbil Provincial. De feito, este servizo conta nos orzamentos con partidas específicas para acometer estes traballos.

Por outro lado, na pasada sesión plenaria ordinaria, o grupo provincial do PP presentou unha pregunta para coñecer que planes ten a Deputación para reparar a Ponte de Santo Estevo. O viceportavoz popular José Antonio García espera que o goberno provincial responda con claridade, porque son moitos os veciños afectados. Os populares queren saber se a Deputación ten prevista á redacción e execución do correspondente proxecto de obra. A Ponte de Santo Estevo está situada na estrada LU P – 5101. Rábade (N VI) – Friol (LU 232); é unha vía que comunica os municipios de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol. Esta infraestrutura, debido ao seu mal estado, foi pechada ao tráfico pola Deputación para vehículos de máis de dez toneladas.

García di que confía en que a resposta do goberno provincial confirme a execución no máis curto prazo posible das obras de reparación da ponte, porque, dada a actual limitación de uso dificulta a circulación dos vehículos necesarios para as actividades económicas dos veciños. Supón un incremento dos custes do movemento de maquinaria, o que repercute negativamente na produtividade e rendibilidade das súas explotacións.

Exit mobile version