Viveiro, 17 xuño de 2020. A de Covas chegou a ser unha referencia en materia de praias en todo o Cantábrico. Hoxe está en situación de total abandono, debido á absoluta falta de interese do goberno municipal de Viveiro, presidido pola socialista María Loureiro, a pesar da importancia do turismo na economía de Viveiro. O PP esixe aos responsables municipais que adopten as medidas necesarias para que a praia recupere as condicións que non debeu perder nunca. Recordan que legalmente “é competencia municipal manter as praias e lugares públicos de baño nas debidas condicións de limpeza, hixiene e salubridade”.
No caso da praia de Covas, di o portavoz popular, Óscar Rodríguez, ben se pode dicir o de “quen te viu e quen te ve”, porque, neste caso, faise certo que calquera tempo pasado foi mellor. Para unha cidade, dispoñer dunha praia urbana é, ou debera ser, en calquera caso unha oportunidade e non un problema. “O estado de abandono no que se atopa a praia de Covas pon de manifesto que para o goberno municipal de Viveiro, a praia de Covas é un problema”, destaca o portavoz municipal.
Rodríguez declara: “Desde o PP instamos á alcaldesa, María Loureiro, a adoptar as decisións necesarias para levar a cabo iniciativas, pola súa conta, no que está ao alcance do Concello, ou en colaboración con outras administracións, para que Covas volva ser un lugar atractivo para o tempo de ocio na praia, tanto para os propios veciños de Viveiro como para os que nos visitan”. O mesmo representante popular di: “Temos claro que unha das fortalezas de Viveiro desde o punto de vista económico ten que ser o turismo, e manter no estado no que se atopa a praia de Covas non é a mellor maneira de atraer visitantes”.
Óscar Rodríguez recorda que, en xullo do 2019, o PP defendeu unha moción no pleno para mellorar o estado da praia de Covas. Nesa iniciativa instábase ao Concello de Viveiro a garantir a limpeza e o acondicionamento axeitado da praia, de tal modo que o areal se puidera utilizar en condicións de seguridade e salubridade. Esta proposta respondía á petición de numerosos veciños e veciñas, así como de visitantes que lamentaban a situación e a imaxe que presentaba xa entón o areal máis grande que ten Viveiro, cuxas características xunto ao seu ecosistema de dunas “a converten nun emblema para a cidade”. Hoxe, ao igual que hai un ano, o grupo municipal do PP lamenta que a praia de Covas estea chea de vexetación que medra de xeito incontrolado e inutiliza o areal nunha gran parte. Ademais, hai gran cantidade de lixo. O goberno municipal rexeitou hai un ano a proposta do PP.
Óscar Rodríguez di: “Agora, case comezando a tempada de verán, esiximos de novo ao goberno municipal que interveña e se deixe de botar culpas a outras administracións. E queremos lembrarlle á alcaldesa que a Xunta investiu en dous anos en Viveiro máis que todas as demais administracións en conxunto”.
Os populares recordan que o artigo 115 da Lei 22/1988 de 28 de xullo de Costas establece “que é competencia municipal manter as praias e lugares públicos de baño nas debidas condicións de limpeza, hixiene e salubridade…”. Destacan tamén que a de Covas non está afectada pola Rede Natura, nin por outra declaración que impida a limpeza e a eliminación das herbas.
Óscar Rodríguez resalta que a preocupación dos veciños de Viveiro polo estado da praia de Covas queda de manifesto nas iniciativas particulares para limpar algunhas zonas e de comerciantes que intentan estimular accións deste tipo.