Viveiro, 7 de maio de 2020. A presidenta provincial, Elena Candia, e outros representantes do Partido Popular na comarca da Mariña, como os alcaldes de Xove e Cervo, Demetrio Salgueiro e Alfonso Villares, respectivamente, participaron activamente na manifestación convocada este domingo en Viveiro para reclamar o Goberno central unha solución que evite o peche da planta de Alcoa, en San Cibrao. A dirixente popular afirma que “hoxe A Mariña falou alto e claro, unha vez máis, e pide solucións a Pedro Sánchez, xa que tanto a xestión da enerxía, como a dos fondos europeos son competencia do Goberno central”.
“O tempo esgótase. Van cheos de enganarnos, pero aínda pode aprobarse ese estatuto coas alegacións que si evitarían o peche”. Ademais, explica Candia, “sabemos que a Xunta de Galicia apoiará as solucións do Executivo que é quen está obrigado a dalas”. “Pedro Sánchez non pode escudarse porque foi el mesmo o que dixo que ía dar unha solución”, remarca a presidenta provincial.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, manifesta que, tanto a concentración de onte como a de hoxe, constata “toda a preocupación da Mariña por Alcoa, que é a que que nos dá vida a esta comarca”. Neste senso, Villares é moi contundente: “a solución sempre a dixemos e segue sendo a mesma, a aprobación do borrador do estatuto coas alegacións por parte do Goberno porque este trámite depende del e sempre dependeu del”.
Na mesma liña, o máximo mandatario de Xove, Demetrio Salgueiro, indica que “estas mobilizacións son a representación clara da situación que estamos vivindo”. “É necesario que se fixe un prezo da enerxía, aceptando as alegacións dos estatuto, e a única administración que o pode facer é o Goberno de España, que é quen ten as competencias. O que necesitamos e queremos é que se garantan os postos de traballo e a produción de aluminio que, no estado de alarma, está considerada como industria esencial. Ademais, somos a única fábrica de España”.
Presenza de socialistas e nacionalistas
Con este panorama desolador, os populares pregúntanse a qué se debe a presenza dos representantes do PSOE e do BNG que tamén participaron na mobilización. “Como a poden xustificar cando neles está a solución ao problema?. Ou non lles fan caso en Madrid, ou viñeron a mentirlle aos cidadáns e a dicirlles que a solución está nun sitio distinto a onde sempre estivo”. A solución, repito Villares, é o estatuto, que posibilitaría que a produción do aluminio fose igual que no resto de países europeos. “Non está sendo porque o Goberno do Estado decidiu que os cartos que viñan para aquí se fosen para outras comarcas españolas. Faltan 70 millóns de euros que viñan existindo para amortigüar os prezos da enerxía. Dos 90 que viñamos recibindo, tan só veñen 20. É cuestión de querer, así que xa llelo poden ir dicindo en Madrid”, sentencia.
Proposta do BNG para favorecer o nacionalismo vasco e catalán
Os populares tamén se manifestan moi críticos coa actitude do Bloque Nacionalista Galego respecto deste asunto. “Primeiro, porque eles asinaron un acordo de lexislatura para solucionar a planta de Alcoa e, sen embargo, agora non esixen ao Goberno o seu cumprimento? Segundo, porque co peche de Meirama e As Pontes pasará a ser deficitaria. Entón, como pretende financiar a tarifa galega o BNG?”, apunta a presidenta.
A este respecto, a popular lembra que “a única diferencia é que en Galicia temos unha empresa hiper electrointensiva que precisa intensidades de axuda específicas que o Goberno non quere conceder e a cambio modifica o status quo do estatuto para favorecer as empresas vascas e catalanas”.
“O BNG coa súa inacción e apoio ao Executivo de Sánchez só está conseguindo beneficiar, unha vez máis, aos independentistas e nacionalistas vascos e cataláns, os seus verdadeiros socios na sombra”, insiste Elena Candia.