Burela, 9 de xuño de 2020. Este mediodía celebrouse no porto de Burela a tradicional ofrenda aos náufragos. O alcalde, Alfredo Llano, cualificou de emotivo o acto, agradeceu a participación da Cruz Vermella e lembrou que as festas patronais non se celebraron por mor do Covid-19, aínda que si que houbo varias citas durante a fin de semana para renderlle homenaxe a Burela e ás xentes do mar.
Llano dixo: “é certo que non houbo festas en Burela, é unha pena loxicamente, pero hai que ter en conta que foi derivado dun problema moi grande e que dalgunha forma é unha maneira de amosar a nosa solidariedade coa pandemia. Non facer as festas significa que estamos amosando un interese colectivo en que todo isto non siga estendéndose e, desde logo, parar a pandemia xa dunha maneira definitiva”.
O rexedor lembrou que “fixemos algunha programación para homenaxear á xente do mar o domingo cunha misa, houbo despois a salve mariñeira cantada e baixouse a Virxe ata o barco museo. Alí tivemos un acto penso que moi bonito. Foi todo moi apurado, case decidindo sobre a marcha, pero realmente ao final viuse claramente que a intención do pobo era homenaxear á Virxe do Carme e aos mariñeiros, agora que empeza a costeira do bonito”.
O alcalde burelés engadiu que “o luns tamén tería sido un día moi bonito en caso de que houbera festas, pero a xornada limitouse a dúas misas que se fixeron durante o día. E hoxe martes a tradición lévanos a facer a ofrenda floral para lembrar aos náufragos do noso concello e en xeral a todos os mariñeiros que perderon a vida no mar. Houbo moita xente tanto de familiares como de amigos e representación institucional. Tiramos unhas flores ao mar coa axuda da Cruz Vermella, que sempre voluntariamente dunha maneira extraordinaria comparten con nós este día e botan unha boa man. Así que moitas grazas á Cruz Vermella pola facilidade que nos dan. Foi un día emotivo, un acto tradicional, que foi bendecido polo sacerdote e merecido por toda esta xente”.