Site icon Crónica3.com A Mariña

O luns abre a biblioteca de Viveiro co 75% do aforo

 Viveiro, 18 de xuño de 2020. O Concello de Viveiro informa aos veciños e veciñas de Viveiro que a Biblioteca Municipal reabrirá o vindeiro luns, 22 de xuño. O horario de apertura ao público será de luns a venres, de 8:00 a 15:00 horas, e os sábados, de 9:00 13:00 horas. Esta apertura realízase limitando o seu aforo ao 75% da súa capacidade e debendo cumprir, en todo caso, a distancia social de seguridade de 1,5 metros.
Atendendo ás limitacións e recomendacións establecidas polas entidades competentes, co fin de garantir a seguridade e saúde pública, establecéronse unha serie de normas co fin de realizar un uso responsable destas instalacións nas que, nun primeiro momento, estarán dispoñibles os servizos de información bibliográfica, préstamo e devolución, estudo en sala e uso dos ordenadores da biblioteca.
Para o préstamo e devolución e préstamo de libros, será o persoal da biblioteca o encargado de recoller o material que se entrega ou quere levar cada usuario en préstamo. Tras a devolución dos libros emprestados, este material será retirado para gardar unha corentena durante 14 días. Tendo en conta que os libros non se poderán tocar, recoméndase a consulta previa do fondo bibliográfico das bibliotecas públicas para intentar mirar as opcións existentes e levar pensado en que libros se está interesado, aínda que o persoal da biblioteca tamén axuda aos lectores a realizar as súas escollas.
Nas salas de estudo establécese un aforo reducido e pídese, para garantir unha mellor seguridade, que cada usuario se encargue da limpeza do espazo que estivo ocupando tras o seu uso material que estará á súa disposición na propia sala. Igualmente, os ordenadores tamén se limparán tras cada uso; atendendo ás restricións establecidas, o uso dos ordenadores quedará limitado a unha hora e media por día e persoa.
A zona infantil vai estar pechada, polo que só se poderán coller libros en préstamo, pero non poderá ser utilizada para ler nin estar alí, segundo as indicacións sanitarias. Tampouco estará a disposición dos usuarios a prensa en papel, que poderá ser consultada dixitalmente nos ordenadores existentes.
As coleccións en libre acceso estarán pechadas ao público, pero os usuarios poden solicitar estas obras ao persoal da biblioteca para ser consultadas.
Co fin de garantir a limpeza das instalacións, o ascensor poderá ser utilizado unicamente por aquelas persoas que presenten mobilidade reducida. O uso dos baños realizarase, así mesmo, previa petición á bibliotecaria.
Lémbrase que a biblioteca municipal cumpre coas condicións de limpeza e desinfección adecuadas. Recoméndase a hixiene de mans ao entrar na biblioteca, para o que se pode facer uso do xel hidroalcólico posto á disposición dos usuarios, e indícase que é necesario o uso de mascarilla para acceder ás instalacións municipais, tendo en conta a dificultade do mantemento da distancia social. Finalmente, rógase que en todo momento se sigan as instrucións das bibliotecarias.

Exit mobile version