Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2020. O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Viveiro e coa Deputación Provincial de Lugo para definir as actuación necesarias para minimizar o risco Cde asolagamento no núcleo de Xunqueira. As tres administracións cofinanciarán a partes iguais o investimento de 69.000 euros previsto para este fin.
Trátase de redactar o proxecto construtivo que sirva de base para executar as actuacións que contribúan a minimizar o risco asociado á área de risco potencial significativo de inundación do río Fontecova, situado en Viveiro. Desta forma a Xunta prestará apoio ao Concello de Viveiro na adopción das medidas necesarias para protexer á poboación de Xunqueira ante os episodios de enchentes, como o que provocou a morte dunha veciña en novembro de 2018.
A Xunta, a través de Augas de Galicia, será a responsable de contratar e redactar ese proxecto. O convenio terá efectos desde a data da súa sinatura e estenderá a súa vixencia ata finais do vindeiro ano 2021.
A Xunta, a través de Augas de Galicia elaborou un plan de xestión específico para Xunqueira, que forma parte da área con risco potencial significativo de inundación do río Fontecova, no que se analizaron diferentes opcións de actuación, todas elas destinadas a naturalizar o cauce.
Agora a Xunta, o Concello de Viveiro e a Deputación Provincial avanzarán na definición das actuacións concretas para minimizar o risco en Xunqueira. Así, no proxecto construtivo de actuacións incluirase o necesario aumento e naturalización da conca do río ao seu paso polo núcleo de Xunqueira e a adecuación dalgunhas das infraestruturas de paso existentes. Tamén se proxectará o reforzo de cimentacións danadas de construcións existentes e a reconstrución da fonte localizada no entorno do núcleo de Xunqueira.
Avaliación de riscos permanente
A Xunta, a través de Augas de Galicia redacta, e revisa cada seis anos, o risco de inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, en colaboración coas autoridades de Protección Civil, e a Administración xeral do Estado.
Unha vez que se identifica e declarada unha zona como área de risco potencial significativo de inundación, cómpre desenvolver mapas de perigosidade e risco de inundación e establecer as medidas que debe realizar por cada autoridade competente para minimizar os efectos negativos das enchentes.
Nas áreas de maior risco recóllese a necesidade de redactar un Plan específico de xestión , no que se traballa a nivel de detalle para tratar de minimizar os perigos e incrementar a calidade ambiental das contornas fluviais, como fixo a Xunta recentemente no caso de Xunqueira.