O rexedor explicou que “no día de hoxe sacamos a convocatoria dunha serie de postos laborais temporais para este verán 2020. Concretamente sacamos 17 prazas de socorristas para esta época estival cun salario de 1.300 euros ao mes en bruto agás para o xefe de equipo que serán 1.500 euros ao mes”.
Fernando Suárez subliñou que “isto supón un esforzo moi importante desde o punto de vista económico. E ao mesmo tempo este ano, como todo o mundo sabe, moi problemático pola situación do coronavirus e pola incerteza desta nova normalidade. Este ano temos unha problemática enorme co control, por si se fan aforos ou non, cos requisitos que piden as bandeiras azuis que nos acaban de conceder, coa Q de calidade que temos tamén en varias praias e que afrontamos con moita ilusión, pero con moita dificultade”.
O alcalde criticou que “este ano concretamente estamos enormemente decepcionados pola actitude que ten a Xunta outra vez máis con Ribadeo. No 2019 tan só nos deron oito pírricos socorristas e este ano, con todo o que está caendo con todo o problema que temos, déronos nin máis nin menos que seis socorristas, unha cifra equivalente en 18.000 euros, cando o sistema de socorrismo e de atención a todo o que significa este ámbito estival nos supón 100.000 euros, e a Xunta nun ano tan problemático no que di que tanto axuda aos Concellos nos da menos que nunca. Isto é unha proba de que todo o que están facendo desde a Xunta de Galicia do PP é fume o que vende día tras día, nos xornais e na súa televisión, pero a realidade é ben distinta á que se vende neses mundos ideais. Polo tanto desde o Concello, concretamente desde o noso, rascamos fondos de onde podemos porque queremos dar seguridade nas nosas praias, á nosa xente e tamén aos de fora que poidan vir neste verán”.
Suárez Barcia engadiu que “o prazo para inscribirse nestas prazas convocadas polo Concello de Ribadeo será ata o 25 deste mes de xuño”.