Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz selecciona 6 prazas de socorristas e 5 de peóns de servizos múltiples

 Foz, 17 de xuño de 2020. O Concello de Foz selecciona seis prazas de socorristas para as praias este venres, día 19, e hoxe, mércores, cinco de peóns de servizos múltiples.

O alcalde, Fran Cajoto, explica que “o Concello de Foz fixo hoxe, mércores 17 de xuño, a selección de 5 peóns de servizos múltiples en base á subvención autonómica para persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga. Estas convocatorias son moi importantes, xa que estamos dando unha oportunidade de empregabilidade a persoas que o precisan e que de outra forma terían moi complicado acceder ao mercado laboral. Son 5 contratos de 9 meses de duración e durante a temporada estival os operarios, xunto a outro persoal contratado con fondos propios do Concello, serán os encargados de manter os nosos areais limpos e en condicións”.

Ao respecto, o rexedor municipal de Foz tamén informa que “este venres día 19 farase a selección dos 6 socorristas asociados á subvención concedida pola Xunta de Galicia. Consideramos escandaloso que o goberno autonómico pasara de subvencionar en Foz 16 socorristas no 2017 e no 2018 a só 6 na actualidade. Nun contexto de situación de pandemia, cando a vixilancia é máis necesaria ca nunca nos areais, a Xunta de Galicia resolve a mediados do mes de xuño, sen tempo para a contratación, un expediente cunha contía mínima histórica para os concellos costeiros. A verdade estamos cansos de propagandas e de protocolos, o compromiso coa calidade do turismo demóstrase con feitos, o que non se está a facer desde Santiago”.

Cajoto engade que “ante o nulo compromiso da Xunta de Galicia cos nosos areais o máis probable é que nos vexamos obrigados a renunciar ao izado das bandeiras azuis. Fomos o concello que máis distintivos obtivemos -5 para as praias da Rapadoira, Llas, Peizás, Polas e Areoura e un para o sendeiro marítimo-, o que da mostra clara da calidade das nosas praias. En calquera caso, para este goberno é máis importante garantir a seguridade no maior número de praias posible que un distintivo, tal e como dispuxemos no ano 2019. O Concello informa que procederá ao financiamento doutros 8 socorristas con fondos propios, dado que Foz si está comprometido coa seguridade. Será necesaria unha nova selección de persoal que comunicaremos á maior brevidade”.

Para rematar o alcalde focense anuncia a todos aqueles socorristas habilitados e que sexan demandantes de emprego que se poñan en contacto co SEPE de Ribadeo, no teléfono 982.870.690, ou co servizo de emprego do Concello de Foz, no 982.140.027, extensión 1029.

Exit mobile version