Burela, 24 de xuño, 2020. A Fundación Imdecum lembrou hoxe os Heroes do Orzán na praia do Cantiño, en Burela. Coincidindo co que debería ser o pistoletazo de saída para a novena edición do Memorial de fútbol sala base que todos os veráns reúne a preto dun milleiro de pequenos deportistas na Mariña, o areal recordou esta mañá a figura do policía Rodrigo Maseda Lozano, xunto á dos seus compañeiros José Antonio Villamor Vázquez e Javier López López.
O monolito en recordo de Rodrigo Maseda, que custodia O Cantiño dende abril de 2012, presidiu o acto de homenaxe. Xunto a Isabel Lozano, en representación das familias, e do presidente de Imdecum, Marcelino Luna, participaron o alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, ademais dos axentes Iván Castro e Cristina Saavedra da Comisaría de Policía de Viveiro, destino de Rodrigo na Mariña, e amigos do burelao.
Ao longo de cinco días, entre hoxe e o domingo, centos de nen@s entre as categorías de Prebenxamín e Xuvenil darían vida aos pavillóns e ás rúas de Burela -epicentro do torneo-, Foz, San Cibrao, Xove e Viveiro para disputar un torneo que dende hai oito anos rende homenaxe á memoria dos policías nacionais que perderon a vida na praia do Orzán nunha tentativa de rescate. “Esta semana as vilas mariñás estarían repletas de pequenas promesas do fútbol sala que ano tras ano veñen á bisbarra non só para disfrutar do deporte senón tamén para disfrutar da nosa terra xunto ás súas familias. Este ano a pandemia non o permitiu, pero agardamos retomalo o vindeiro ano con máis ganas e ilusión aínda” explicaba o presidente de Imdecum, Marcelino Luna, adiantando ademais a posibilidade na que está traballando a Fundación “para organizar un evento máis reducido, a nivel comarcal ou provincial, para o mes de setembro, sempre que as medidas sanitarias o permitan”. Isabel Lozano mostrou o agradecemento das familias por continuar homenaxeando deste xeito tan fermoso a memoria dos seus fillos: “Para o meu Rodrigo O Cantiño era a mellor praia do Caribe, era o seu lugar especial, e por iso para min ten un sitio moi importante no corazón, cun monolito que mantén vivo o seu recordo, acompañado por unha roseira que plantou o meu marido xa hai oito anos e que todos os veciños de Burela coidan coma se fora súa” explicaba a mai de Rodrigo Maseda desexando “volver atoparnos o vindeiro ano con todos eses pequenos que dan alegría ao torneo”, coincidindo neste senso co alcalde, Alfredo Llano, que ademais destacou o “gran valor da solidariedade exemplificada en Rodrigo, José Antonio e Javier como o espello para os máis pequenos, cobrando aínda máis importancia despois da extrema situación do Covid-19” e amosou compromiso para que o evento siga medrando.
Datas para 2021
A organización xa ten datas para retomar o IX Memorial Heroes do Orzán co seu formato en estado puro, pero non será ata 2021, entre o 23 e o 27 de xuño. O mellor fútbol sala base volverá dar espectáculo ao longo da Mariña, nun evento que se converteu en toda unha referencia nas axendas de escolas e clubs de toda España. A Deputación de Lugo e os concellos de Burela, Foz, Cervo, Xove e Viveiro colaboran na iniciativa da Fundacion, que supón un revulsivo para o turismo da bisbarra no inicio da campaña estival.