Para alén das circunstancias conxunturais do mercado do aluminio, o principal problema que ameaza a viabilidade da empresa son os altos custos da enerxía eléctrica, que resulta imprescindíbel para a produción na planta de aluminio. O BNG ve urxente pór en marcha unha Tarifa Eléctrica Galega que abarate a enerxía para as empresas -facéndoas máis competitivas- e permita ás familias beneficiarse da riqueza enerxética do seu país. Esa será a única maneira estábel e duradeira de favorecer a viabilidade da industria galega. Rego explicou que “Galiza é un país exportador de enerxía eléctrica, que soportou os custos sociais e soporta aínda os ambientais desa produción, polo que sería de xustiza que en compensación o territorio galego puidese regular o seu propio marco enerxético e que o custo fose menor para os consumidores e para a nosa industria”.
Outras das medidas que poderían paliar a situación e que o BNG reclama nesta PNL é activar un Estatuto do Consumidor Electrointensivo realmente eficaz, un compromiso do Goberno español que aínda non cumpriu, que permitiría que factorías como Alcoa San Cibrao puidesen manter a súa actividade produtiva sen perdas económicas.