A frota galega está enormemente preocupada porque acabará a cota estabelecida en cuestión de días e verase obrigada a parar ante a falta de alternativas. O recente incremento de aproximadamente 1.800 toneladas foi claramente insuficiente e non está en relación coas evidencias científicas que o stock de sardiña está totalmente recuperado pois alcanzouse xa en 2020 o nivel de sustentabilidade MSY. “É polo tanto necesario revisar os topes e cotas de capturas, pois a cota actual non é suficiente para garantir a supervivencia das frotas do cerco e do Xeito que dependen da explotación desta especie” sinala o deputado nacionalista.
Polos mesmos motivos, o BNG xustificase máis que sobradamente que as artes tradicionais e sustentábeis como é o Xeito, queden excluídas das cotas de captura máxima, do contrario, condenaríase á desaparición a unha actividade pesqueira ancestral e respectuosa coa biodiversidade dos hábitats naturais das nosas Rías e Costas e que non pon en risco a conservación das pescarías.
O BNG reclama que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Comercio non sexa insensíbel á situación dramática do sector e atenda unha demanda que é absolutamente xusta e necesaria para asegurar un presente e un futuro dignos para a pesca galega, máxime tendo en conta os estudos científicos que a avalan.