Elena Candia reproba así que o dirixente socialista se deprazase a Ourense para arroupar ao candidato do seu partido a presidir a Xunta, Gonzalo Caballero, sen dicir nada e que o candidato usase este tema cun enfoque claramente electoral. “O que fixo o Sr. Caballero foi poñer enriba da mesa unha gran chantaxe, ao anunciar que abordaría este tema despois do día 12. Parécenos claramente insultante, o que demostra que o aliado do candidato socialista é Sánchez e non Galicia”, manifesta.
Neste senso, a popular defende que, “se hai unha solución, esta ten que ser xa e non depender duns resultados electorais”. “O tempo de desconto cada vez é menor e, co acontecido onte, queda claro que o PSOE non ten vontade política de apoiar aos traballadores e á Mariña”. Elena Candia lamenta así que os socialistas en Madrid, en Galicia e na provincia –neste último caso, a responsable é veciña da Mariña, candidata polo PSOE ao Parlamento e, por tanto, coñecedora da situación e de que a quen lle corresponde fixar un prezo da enerxía para garantir Alcoa San Cibrao é do seu presidente en Madrid- continúen eludindo a súa responsabilidade e non aproben o estatuto electrointensivo coas alegacións presentadas, xa que “deste xeito o problema quedaría resolto”, remarca.