Nestes tempos despois da primeira fase do coronavirus parece que estamos a restablecer a que se da por chamar ‘nova normalidade’. Para comezar, se é ‘nova’ xa non se trata de ‘restablecer’, e polo momento ao menos, non será tampouco ‘normalidade’. Quizais máis adiante.
Por outra banda, algo complexo, pois para comezar, non se sabe se nese ‘máis adiante’ antes citado (fin do verán, outono…) volveremos ter outra ‘anormalidade’ relacionada co coronavirus ou non. Tampouco se sabe ata que punto cousas que xa cambiaron forman parte da normalidade, é dicir, non voltarán cambiar para facerse normais no sentido das vellas normas, senón que son agora e serán xa norma de cara ó futuro. E iso, a nivel xeral. Porque está claro que o illamento non telemático polo coronavirus fixo achegar máis o distante, mentres nos afastou do próximo que non podemos conectar a berros dende a casa. E non nos enganemos, os paseos de moita xente o primeiro día de desconfinamento, apoiados pola boa temperie, significaron ansia de liberdade e gusto vital, non achegamento á natureza ou ós veciños.
Así, as cousas locais ou comarcais parecen máis dispersas na morea das estatais ou mundiais. Algo como se agora poidéramos ver máis afastados da realidade cotiá e por iso non nos fixásemos nos detalles. Pode que por iso aínda causaran máis impacto cousas como a diminución de traballo en Alcoa San Cibrao, que quen máis, quen menos, vía vir. Mais, a carón do interese que move un feito como o da antiga INESPAL (ven ben lembrar o nome por máis dunha razón, aínda que agora mesmo estea descontextualizado), non deixa de tomarse como algo puntual, mentres os asuntos comunitarios seguen abandonados en mans dos chamados ‘políticos’. Seguimos -e quizais máis que antes- desconectados dos centros municipais ou centrados en criticar o goberno máis que en tentar gobernar na medida das nosas posibilidades, que non se reducen a un voto cada catro anos. Seguimos mirando ó pasado e non ó futuro -pode que por medos de diversos tipos- con dúas premisas fundamentais relacionadas: nós non temos culpa do pasado, (porque) o futuro é cousa da planificación dos políticos, que para iso son os nosos servintes. Si? E nós? Diría que seguimos a velas vir… se non fose porque afeitos a mirar para outro lado, distraídos, o equivalente de mirar para todos os lados ou mellor, para ningures, nin se ven vir.
Durante o máxima restrición de movementos había unha tendencia a pensar que disto sairíamos mellores: máis preparados para o que viñera, máis conscientes das nosas debilidades e da débeda co noso entorno, tanto material como natural como persoal, e polo tanto, máis proactivos, reforzados na nosa sociedade, máis vivos, cunha vida máis plena. Mais somos seres de costumes, e non se cambian tan pronto, mesmo aínda cando se note unha certa persistencia dos paseos-exercicio polo campo como excepción ou esperanza.
Mentres, xa está aquí o verán, coas súas esperanzas e temores asociados, que para algo somos un pouco contraditorios, para ben e para mal. Que aproveite (o quete máis probabilidades de suceder se o preparaches).