Xunto coa deputada nacionalista participaron: Román Sánchez Besteiro, da cooperativa A Carqueixa dos Ancares, Rosa Maseda Bello da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, Carlos Rojo Pombo e Orlando González Folgueira da Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (Ovica), Isabel Vilalba Seivane do Sindicato Labrego Galego e Elías Somoza Regueiro da Federación Rural Galega (Fruga).
Durante a xuntanza virtual acordouse solicitar un encontro co conselleiro, José González Vázquez, para trasladarlle un informe coas conclusións da xuntanza no que se especifican as necesidades e demandas máis urxentes do noso sector primario.
Mónica Freire explicou que “a maioría das asociacións demanda un maior compromiso por parte da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, quen ten as competencias na materia coa posta en marcha de acións reais na loita contra as consecuencias da pandemia no sector primario produtivo”.
Entre as medidas urxentes destaca a necesidade de establecer uns prezos mínimos para os produtores que se integraron na plataforma Mercaproximidade, impulsada pola propia Consellería de Medio Rural da Xunta de Galiza. O prezo de venta da plataforma supón unha perda en torno ao 20-25% respecto ao prezo medio de referencia dos últimos anos nas mesmas datas.
A deputada mariñá subliñou que “a plataforma de venda en liña só permite a compra por parte das grandes distribuidoras, non dos pequenos comercios, reforzando a posición de forza que teñen estas empresas fronte aos produtores”. Nesa liña, Mónica Freire explicou que mentras, neste contexto de crise, os agricultores e gandeiros cobran menos polos seus produtos os prezos seguen a subir para os consumidores, como reflicten os datos do IPC.
Por outra banda, a deputada nacionalista sinalou que “se fai imprescindible a posta en funcionamento de axudas de mínimis para o sector agrícola, en especial para os/as criadores/as de ovino e cabrún, os/as gandeiros/as de vacún de carne, os/as produtores/as de horta e flor ornamental ou cortada, así como sectores tan sensibles e dependentes da hostalaría e restauración como o sector vitvinícola ou o da pataca”, sinalou a deputada nacionalista.
En próxima datas, a área de Medio Rural, do Mar e Mocidade ten previsto continuar coas videoxuntanzas temáticas e sectoriais, como con algún dos concellos máis afectados pola pandemia e outros axentes como o colectivo investigador no Campus Terra da universidade, os colectivos profesionais de enxeñeiros/as técnicos/as agrícolas e veterinarios/as e as comunidades de montes veciñais en man común, co obxectivo de seguir elaborando un programa de medidas que axuden a minimizar as consecuencias da pandemia.