A subdelegada, acompañada pola directora provincial do SEPE, Estefanía Pita, trasladoulle ao persoal do SEPE na provincia o seu recoñecemento pola implicación e compromiso demostrado nestes meses nos que afrontan unha enorme carga de traballo para facer posible o pago das prestacións a todos os lucenses acollidos a un ERTE.
Isabel Rodríguez informou de que “froito dese enorme esforzo, esta mesma semana, o SEPE abonou 18,2 millóns de euros a 29.271 traballadores da provincia que cobraron prestacións ao estar acollidos a un ERTE ou en situación de desemprego. Desde o comezo da crise sanitaria, as prestacións pagadas polo SEPE na provincia superaron os 45,7 millóns de euros”.
“A responsabilidade demostrada polo persoal do SEPE é digna de recoñecemento. Vós, ao igual que os profesionais das forzas de seguridade e da sanidade, merecedes a nosa gratitude pola vosa dedicación e sodes o mellor exemplo da importancia que ten para a sociedade contar con servizos públicos fortes e de calidade”, a subdelegada.
Rodríguez engadiu que “desde a entrada en vigor do estado de alarma, o persoal do SEPE na provincia traballou sen descanso para que puideran cobrar as súas prestacións o máis axiña posible todos os traballadores lucenses afectados por expedentes de regulación temporal de emprego motivados pola crise sanitaria”.
O SEPE conta con 11 oficinas na provincia de Lugo, dúas delas están situadas na capital da provincia e as outras 9 nos concellos de Becerreá, Burela, Chantada, Mondoñedo, Monforte, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro, así como a Oficina de RATEL que se encarga da xestión de prestacións a través dun sistema de atención telefónica.
Para atender estas oficinas, o Servizo Público de Emprego Estatal conta con un plantel de 62 funcionarios na provincia, aos que se engadiron 7 interinos no mes de abril.