Lugo, 18 de xuño de 2020.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, visitou hoxe a dirección provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social, para interesarse pola posta en marcha na provincia de Lugo do Ingreso Mínimo Vital, unha prestación que acaba de crear o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións e que se pode solicitar desde o pasado luns, día 15 de xuño.
A subdelegada, que se reuniu co director provincial do INSS, Juan José Rodríguez Gude, destacou a importancia desta prestación “unha medida moi importante, que supón un avance social na loita contra as desigualdades, á que todos aspiramos nunha sociedade moderna”.
Na provincia de Lugo, calcúlase que o Ingreso Mínimo Vital chegará a uns 5.000 fogares, o que supón arredor de 13.000 persoas beneficiarias, segundo informou á subdelegada o director provincial do INSS. A Seguridade Social xa lle recoñeceu de oficio esta prestación a 922 fogares, que cobrarán por primeira vez o Ingreso Mínimo Vital a finais de mes.
O director do INSS tamén informou á subdelegada do Goberno das xestións que está a facer cos concellos da provincia para trasladarlles a información necesaria sobre esta nova prestación que acaba de poñer en marcha o Goberno. Nos últimos días, o director provincial da Seguridade Social enviou información a todos os concellos da provincia sobre os requisitos e a tramitación do Ingreso Mínimo Vital. Ademais, Rodríguez Gude tamén ten previsto manter reunións cos principais concellos para que os servizos sociais municipais estean ao tanto e poidan facilitar información sobre este recurso público a todos os posibles beneficiarios.
O Ingreso Mínimo Vital, que está acompañado por un itinerario de inserción laboral, diríxese a persoas de 23 a 65 anos que estean en situación de vulnerabilidade económica. Tamén se poden beneficiar del os menores de 23 anos que teñan fillos ao seu cargo. En función das circunstancias de cada fogar, esta prestación garante uns ingresos anuais de 5.538 a 12.183,60 euros (entre 416,50 e 1.015,30 euros ao mes).
As solicitudes desta prestación poden presentarse, polo momento, a través da web da Seguridade Social (http://www.seg-social.es/wps/portal/wss/internet/Inicio)
e tamén se poden enviar por correo ordinario ao Instituto Nacional da Seguridade Social. Para consultas, existe un teléfono de información sobre o IMV 900 20 22 22