Site icon Crónica3.com A Mariña

Gonzalo Caballero garante que un goberno progresista na Xunta acadará unha solución para o mantemento do emprego de Alcoa San Cibrao

 Viveiro, 7 de abril de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acudiu hoxe á manifestación en defensa do emprego en Alcoa San Cibrao e comprometeuse a que un goberno progresista na Xunta buscará “unha solución definitiva” para esta factoría da Mariña lucense.

Gonzalo Caballero acudiu á mobilización xunto con alcaldes socialistas da Mariña –como os de Viveiro e Foz, María Loureiro e Francisco Cajoto–; o presidente da Deputación, José Tomé; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a secretaria provincial do PSOE lucense, Patricia Otero; e o vicevoceiro parlamentario, Luis Álvarez, entre outros cargos do PSdeG.

Dende alí, o líder dos socialistas galegos sinalou que Feijóo ten que “traballar para resolver o problema” despois de que o goberno de España entregara a Alcoa San Cibrao axudas por valor de 38 millóns de euros só nos dous últimos anos. “Cómpre que a empresa teña presión social e política para que rectifique unha decisión improcedente”, incidiu.

“Alcoa ten que ter un mínimo de responsabilidade. Logo de recibir tantas axudas, é hora de que cumpra”, remarcou Gonzalo Caballero, ao tempo que subliñou que “todas as administración teñen que traballar na busca de solucións” para evitar os despidos e o freo da actividade industrial na Mariña lucense.

O PSdeG, A PROL DO EMPREGO

Neste escenario, o máximo dirixente do PSdeG deixou claro que “a vontade do PSdeG é traballar polo mantemento do emprego” e “poñer os intereses dos veciños da Mariña por diante”.

Por iso, chamou a Feijóo a que deixe de ser “un mero espectador” dos problemas e a que se converta “en parte da solución”. De feito, Gonzalo Caballero recordou que a Xunta “ten competencias” en materia de industria.

Exit mobile version