Foz, 14 de xuño de 2020. O candidato de Galicia en Común- Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, reiterou hoxe que o Goberno de progreso que a coalición impulsará a partir do 12 de xullo poñerá todos os recursos da Administración autonómica para, en colaboración co resto de institucións do Estado, impedir o peche da factoría de Alcoa en San Cibrao (Lugo).
“Alguén se imaxina que a Xunta deixase caer a Inditex na Coruña, a Coren en Ourense ou a Citroën en Vigo? Pois iso é o que representa Alcoa para a provincia de Lugo. E nós non imos deixala caer. Facelo sería condenar a Lugo a unha agonía industrial que non imos permitir”, dixo.
Gómez Reino asistiu esta mañá en Foz á manifestación convocada polos traballadores da factoría, xunto ao cabeza de lista de Galicia en Común- Anova Mareas por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, e outros membros da candidatura.
Gómez Reino lamentou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “desprece a toda unha comarca, a toda unha provincia e a todo un país” negándose a exercer as atribucións que lle outorga o Estatuto de Autonomía de Galicia, cuxo artigo 30 lle da plenas competencias en materia de industria, fomento e planificación económica.
“En once anos de Goberno, Feijóo non só se desentendeu de Alcoa, senón de todo o tecido industrial galego, como tamén sucedeu co sector naval. E se queremos reconstruír este país, necesitamos garantir a continuidade de Alcoa en Lugo”, subliñou.
O cabeza de lista por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, tamén destacou o impacto que suporía o peche da fábrica para a comarca da Mariña e para toda a provincia. “Estamos falando dunha actividade que representa o 30% do Produto Interior Bruto de Lugo. Unha hecatombe que afianzará a desertización económica de Galicia. Mentres tanto, Feijóo permanece agochado sen presentar un plan de viabilidade para a factoría e para comarca”.
“Trátase dun problema de vontade política”, remarcou Fernán Vello, “que só se pode frear mediante a presión social e a acción decidida das distintas Administracións”. “Este é un problema que non só afecta á fábrica de San Cibrao, senón que se reproduce en todo o panorama industrial do país. Diante diso, temos clara cal é a solución: nós defendemos a intervención pública dos sectores estratéxicos, poñendo os recursos e a produción de Galicia ao servizo das necesidades da cidadanía.