Este quinto encontro estivo focalizado no sector hostaleiro e nas medidas que debe adoptar para devolver a confianza na cidadanía. Estivo protagonizado por Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL); José Luis Yzuel, presidente de Hostelería de España; e David Domínguez, director de Horeca Data e Proyecto Hostelería Segura.
García Porto puxo de manifesto a capacidade da hostalería española para “deseñar campañas de éxito, para innovar na presentación dos produtos ou xerar novas ideas. Dende a Deputación estamos seguros de que a aposta por estes selos de garantía sanitaria contribuirá de maneira notable á recuperación do sector”. Así mesmo, puxo en valor o traballo da hostalería e o turismo lucense de maneira particular: “fan un esforzo continuo por gañar visibilidade e presentar os seus produtos no conxunto do territorio español e é de xustiza recoñecer o traballo da APEHL e de Hostelería de España”.
Pola súa banda, a patronal da hostalería nacional, representada polo seu presidente, José Luis Yzuel, alentou aos profesionais do sector a seguir sumando esforzos para devolver a confianza aos clientes. “Estamos na zona cero da pandemia, un dos sectores máis afectados, pero dende o primeiro momento encaramos o problema con seriedade e puxémonos a traballar para implantar protocolos, formar o cadro de persoal e adaptar os establecementos para que os clientes volvan, somos o sector que máis felicidade achega e non podemos fallar”.
Yzuel tamén puxo riba da mesa a cara solidaria que amosaron os hostaleiros e hostaleiras de España durante os momentos máis duros da pandemia. “Somos un sector solidario e temos exemplos en todas a cidades de España, onde se cociñaron milleiros de comidas solidarias”. E engadiu que “se crearon grandes alianzas entre nós que deben seguir porque xuntos lograremos dar as solucións que a sociedade necesita para volver aos bares e restaurantes con tranquilidade”.
Neste sentido discorreu a intervención de David Domínguez, director de Horeca Data e Proyecto Hostelería Segura. “Lanzamos hai dous meses un sistema integral de preparación gratuíto para esta nova normalidade para actuar ben e aplicando medidas específicas ante o novo panorama. Na provincia de Lugo sumáronse 116 empresas que recibirán unha acreditación e en total, no conxunto de España, formamos a máis de 8.400 profesionais”.
Cheché Real aproveitou a súa intervención para transmitir o agradecemento do conxunto do sector lucense ás distintas administracións con competencias pola especial sensibilidade amosada nesta situación derivada da Covid-19. O presidente da APEHL quixo ademais recalcar que as pautas deben ser informadas á clientela e criticou que algúns establecementos se presenten como “libres de Covid-19”, cando “iso é imposible e non se pode garantir, temos que actuar ben, seguindo os protocolos para minimizar ao máximo a posibilidade de contaxio”.
Visión optimista
Durante catro sesións de debate e unha conferencia inicial, a Deputación creou a través da canle de YouTube dos Servizos Audiovisuais un lugar de intercambio de opinións e de análise para abordar a reactivación turística da provincia de Lugo. “Reunimos a representantes de máis dunha vintena de asociacións de profesionais e de empresas, da sociedade civil, de entidades que traballan polo desenvolvemento do sector e de organismos oficiais con competencias neste ámbito, todos con moito peso no turismo e que amosaron dende o seu prisma particular as necesidades do sector”, explica García Porto.
A Deputada apuntou que “percibimos un moderado optimismo, varias asociacións manifestaron que as reservas son tímidas para xullo, pero en maior grao para agosto e setembro, un optimismo que vai ligado á seguridade sanitaria, o tema transversal de todas as citas”. Ademais, quedou palpable que “é preciso establecer colaboracións público-privadas, así se fixo ver, para compartir información e traballar xuntos para harmonizar as ofertas”.
García Porto salientou que cómpre tamén impulsar a profesionalización do sector, que foi outra das conclusións obtidas: “Pecharlle as portas ao intrusismo non é só unha necesidade económica, senón tamén un modo de contribuír a xerar seguridade entre os clientes”.