Lugo, 12 de xuño de 2020. A xunta de goberno da Deputación aprobou esta mañá a prórroga ata finais de decembro coa sociedade pública Empresa de Transformación Agraria, S.A do contrato de mantemento das zonas verdes, tarefa da que se encargan os antigos traballadores da Suplusa que, por decisión do bigoberno provincial, pasaron a incorporarse a Tragsa; o importe desta prórroga é de 413.000 euros. En opinión do viceportavoz provincial do PP José Antonio García, este acordo demostra que se disparan os custes do servizo con respecto a cando era Suplusa a encargada destes traballos. Considera que tamén é “unha clara demostración da falta de xestión do equipo liderado por José Tomé, da súa falta de traballo, da súa incapacidade e tamén unha burla aos traballadores afectados, así como unha mostra máis do escurantismo co que gobernan socialistas e nacionalistas”. Recorda que o contrato inicial, por seis meses, tivo un importe de 400.000 euros e que foi precisa unha modificación de crédito no presuposto da Deputación para dispoñer da partida necesaria para a prórroga que acaba de aprobar a xunta de goberno. “Se se consumiron totalmente os 400.000 euros do primeiro contrato e agora fan falla 413.000 euros é que se dispararon os custes do mantemento das zonas verdes con respecto a cando se facía por medio de Suplusa; xusto o contrario do que nos dixo o bigoberno para xustificar a liquidación de Suplusa, que era -aseguraban- para adelgazar os custes na Deputación”.
O PP defendeu no seu momento, que, ao igual que outros traballadores de Suplusa, os encargados das zonas verdes debían incorporarse a servizos da Deputación. Pero o goberno provincial, desoíndo á oposición e aos propios traballadores, decidiu comprar unha acción de Tragsa; deste xeito, esta empresa é considerada medio propio da Deputación e encomendóuselle o mantemento das zonas verdes, contratando aos antigos traballadores de Suplusa. García recorda: “De nada valeron as protestas dos afectados, que incluso foron expulsados por Tomé do pleno da Deputación por expresar a súa protesta por unha decisión que consideraban inxusta”. Engade: “E seis meses despois asistimos á prórroga dese contrato e, conseguintemente, á prórroga da situación de inestabilidade total na que se atopan os traballadores”.
O viceportavoz provincial do PP declara: “O certo é que todo ten un punto escurantista que é moi preocupante. Preguntamos hai xa moitas semanas, meses, cal é o custe real de ter contratado con Tragsa o mantemento das zonas verdes, e non acaban de dicilo; socialistas e nacionalistas saberán por que, pero o que está claro e que os números cantan”.
Os populares instan ao goberno provincial a cambiar o paso e buscar unha solución estable a longo prazo para o mantemento das zonas verdes, e o que aínda é máis importante, unha solución estable para a situación dos traballadores procedentes de Suplusa.