Francisco Cajoto, Alcalde de Foz dixo que “o PP non aposta polo turismo, porque para nós este sector é algo máis que propaganda. En Foz podemos ver como pasamos de acadar 16 socorristas nas campañas de 2017 e 2018, a obter 6 na actualidade. Con este persoal non podemos garantir a seguridade básica das praias e a seguridade das persoas, e teremos que complementalo con fondos propios do Concello. Por iso hoxe é mais necesario que nunca feitos, investimentos e accións que contribúan a impulsar a mellorar a seguridades nas praias da Mariña, e non campañas de marketing e propaganda a que nos teñen acostumados desde Santiago”, dixo.
Similar caso ocorre en Burela tal e como denuncia o seu Alcalde, Alfredo Llano. “Por mor da pandemia do COVID este ano temos que incrementar de xeito moi significativo os accesos as nosas praias, e casualmente, o Goberno do PP concédenos os mesmos socorristas que na pasada tempada, nin máis nin menos. Isto é o interese que amosa o Goberno de Feijoo pola nosa saúde”. E insistiu “diante deste panorama como vamos a conservar as bandeiras azuis das nosas praias?”, lamentou.
María Loureiro, Alcaldesa de Viveiro dixo que segundo o IGE, a mariña lucense é a segunda zona de Galicia que máis turistas recibiu por habitante no 2019. “Pero para o PP este dato non deber ser moi relevante, xa que sendo dos Concellos que máis poboación recibimos en época estival este ano reduce os socorristas para vixiar e atender as nosas praias trala pandemia do COVID. No ano 2019 tiñamos 8 prazas financiadas pola Xunta, e este ano son 6, dúas menos. Este é a realidade e non hai outra, reduccións, recortes e desentenderse da nosa saúde”, remarcou.
EPIS e material sanitario
Pola súa banda a segunda tenente de Alcalde de Barreiros, Mari Carmen Veiga advertiu “que en dous anos, o noso Concello perdeu a achega económica equivalente para contratar a 13 vixiantes, cando temos 8.5 quilómetros abertos de praia. Ademais na pasada anualidade concederon 8 prazas de socorristas, este ano só 6. A todo isto hai que engadir que dende os concellos temos que realizar outro tipo de investimentos para atender as praias xa que os socorristas teñen que levar EPIS, así como diverso material sanitario. E hai que lembrar que Barreiros obtivo este ano 3 bandeiras azuis, onde é obrigatorio o servizo de salvamento”, remarcou.