A Mariña, 5 de xuño, 2020. Comisións Obreiras (CCOO) pide garantir a produción de aluminio no noso país e chama a secundar a manifestación do domingo en Viveiro. Así mesmo, o sindicato solicita a intervención do Goberno de España «ao máis alto nivel» para que Alcoa desista na mesa multilateral do vindeiro martes, día 9, de acometer os máis de cincocentos despedimentos anunciados.
Para CCOO é «inviable» parar as cubas de electrólise de San Cibrao, xa que o proceso para volvelas poñer en marcha sería «lento e moi caro». Ante a actitude da multinacional, o sindicato considera que é necesario «iniciar un proceso para asegurar o presente e o futuro da produción de aluminio no noso país, con ou sen Alcoa».
Así o manifestaron esta mañá na reunión que tiveron por videoconferencia o presidente do comité de empresa de Alcoa-San Cibrao, José Antonio Zan; o secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento; o secretario de Acción Sindical, Roi Fernández; o secretario xeral da Federación de Industria de CCOO de Galicia, Víctor Ledo; o secretario xeral confederal, Unai Sordo; e o secretario xeral da Federación estatal de Industria, Agustín Martín.
Por último, CCOO fai un chamamento á participación na manifestación convocada para o domingo, ás 11:30, en Viveiro, en defensa dos postos de traballo e do futuro para a comarca da Mariña, que se vería «gravemente golpeada» pola fin da produción de aluminio.