Un plan estratéxico non deixa de ser unha declaración de intencións e unha guía de como levalas á realidade. En opinión de Javier Castiñeira hai indicios de que algunhas das liñas estratéxicas deste plan, como mínimo, non estiveron entre as prioridades dos gobernos socialistas na Deputación. É o caso do turismo fluvial. O portavoz popular sinala: “Como vimos dicindo, nada se mellorou nos últimos tempos en canto ao servizo de catamaráns, que debería ser un dos servizos estrela da Deputación, nunha provincia que ten un gran potencial no turismo de natureza e, sinaladamente, co turismo fluvial. É certo o que se di na presentación do Plan Estratéxico: a provincia é un territorio cun alto potencial turístico, pero non é a maneira máis adecuada de explotalo suprimir, como se suprimiu despois de deixalo abandonado, o servizo de catamarán que operaba na capital lucense, a altura de Los Robles. Tampouco é a mellor maneira de explotar o potencial turístico manter pechado o complexo de Augasmestas”.
Os populares consideran que cando estamos xa moi preto de que se cumpran os tres anos da presentación do plan, é necesario facer balance. Castiñeira sinala: “Non parece o máis indicado que a estas alturas do ano, co verán xa a volta da esquina e nunha situación económica moi complicada, aínda esteamos con encontros telemáticos de turismo, co obxectivo de intercambiar información e escoitar as necesidades do sector e das súas perspectivas sobre a súa reactivación na provincia. Este é un traballo que xa tiña que estar feito. Dixémosllo hai xa moito tempo ao presidente Tomé, pero, como sempre, chega tarde; si, xa sabemos que ao presidente non lle gusta que llo digamos, pero é así: outra vez chega tarde”. Castiñeira engadiu: “Mire se chega tarde que sacou o catamarán do Miño en Lugo e alí quedou e alí segue meses despois, como monumento á desidia, o inútil pantalán podrecendo e afeando á area de Los Robles”.
Na presentación do plan pódese ler: “(…) será a folla de ruta que permita ao territorio conformado pola provincia de Lugo posicionarse no mercado e chegar a un maior número de turistas e visitantes que poidan coñecer a riqueza da zona. Será un instrumento chave para a posta en valor do territorio, converténdoo nun destino sostible e de calidade”. Castiñeira sinala: “Pois agora é o momento de saber cantas portas abriu esta chave á provincia de Lugo. Por iso solicitamos un balance detallado do feito pola Deputación con base neste plan estratéxico”.