O PP está convencido de que o goberno presidido por José Tomé carece dunha política económica clara, definida; é un déficit que se fixo evidente coa crise sanitaria. Castiñeira ve “unha xestión nefasta, que fai que o goberno provincial non sexa capaz de optimizar os grandes recursos económicos que posúe, como son os 93 millóns de orzamento do 2020 e os 67 millóns de euros de remanentes”. Recorda que, “no pasado pleno, o goberno intentou que na orde do día os asuntos económicos pasaran desapercibidos, porque confirmaban que incumpriu a estabilidade e a regra de gasto no 2019 e incumpre o plan económico financeiro, o que conleva que a Deputación sexa apercibida e non poida gastar 4,5 millóns que podían ir ao plan de reactivación”. Explica que “eses cartos quedan provisionalmente paralizados nunha partida de gasto non dispoñible para o 2020” O portavoz popular da un consello a socialistas e nacionalistas: “Señores do bipartito, fáganlle máis caso aos técnicos e ao PP, menos desculpas e máis rigor nas contas”
Castiñeira tamén di: “A Deputación, ao non asumir a responsabilidade que lle corresponde na axuda ao tecido produtivo, descarga nos concellos, aos que obriga a sacar liñas de axuda. Quero deixar claro que vemos positivas as medidas anunciadas para formación e para promoción do comercio local, a hostalería e o turismo. Pero son insuficientes, totalmente insuficientes. Vemos tamén positiva a vía aberta por medio de Abanca, pero é unha iniciativa desta entidade”.
O portavoz popular manifesta: “Unha vez máis, instamos ao presidente Tomé a xestionar a Deputación de modo que o organismo provincial teña a implicación necesaria, directamente, para axudar ao tecido produtivo lucense a superar as dificultades económicas derivadas da crise sanitaria. Non lle chame Plan Poscovid, se non quere, señor Tomé, chámelle como queira, pero artelle liñas de axuda aos nosos autónomos, ás nosas pequenas empresas, que as necesitan moito, e son o soporte da economía da provincia”. Castiñeira está convencido de que “o goberno provincial antepón o gasto nos seus compromisos políticos ás axudas reais ás empresas e traballadores lucenses afectados pola crise da covid-19 e traslada esa responsabilidade aos concellos”.