Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira: “A Deputación deixa afundir o turismo fluvial na provincia como deixou que se afundira no Miño o catamarán Pelegrín I”

 Lugo, 5 de xuño de 2020. A reanudación das rutas en catamarán no Sil e no Miño é unha boa noticia, en tanto que supón un paso máis na paulatina recuperación da normalidade tras a crise provocada pola covid-19. O grupo popular na Deputación lamenta que, neste reinicio da actividade, a actitude do goberno presidido por José Tomé con respecto á política en materia de turismo fluvial non mellore en absoluto. O portavoz do PP, Javier Castiñeira, cre que está claro que a Deputación mantén o que queda da súa política de turismo fluvial de mala gana, atendendo unicamente o inmediato e sen vontade algunha de mirar cara o futuro; por iso, di que “tal como está, é un servizo en decadencia, que se deixa afundir como se deixou afundir no Miño, na capital lucense, ao Pelegrín I”. Reclama “ao goberno provincial que deseñe un plan de turismo fluvial, que é un potencial grande da nosa provincia, especialmente importante en momentos como os que vivimos”.

O portavoz provincial do PP considera que neste terreo a xestión do bigoberno (PSOE-BNG) está moi lonxe de ser eficiente, é dicir, de estar deseñada de xeito que sexan utilizados todos os recursos dos que dispón a Deputación para este servizo, para que non suceda o que pasou co catamarán que operaba na capital, á altura de Os Robles (primeiro deixou de funcionar, despois deixouse afundir o barco e finalmente desapareceu o servizo, sen dar alternativas). Lamentablemente tampouco existe, indica Castiñeira, planificación a medio e longo prazo, e, como consecuencia, non hai visión de futuro. En síntese, din os populares, está claro que a Deputación mantén o que queda da súa política de turismo fluvial de mala gana, atendendo unicamente o inmediato e sen vontade algunha de mirar cara o futuro.

O portavoz popular ten claro que a Deputación está de costas ao turismo fluvial. Castiñeira declara: “Como levamos dicindo hai anos, o goberno bipartito da Deputación non ten plan ningún para o turismo fluvial, como demostran os feitos”. Destaca por un lado “a carencia de innovación e renovación de equipos durante estes últimos anos, de tal maneira, que se abandonaron os medios, os servizos e incluso as propias instalacións, como puidemos apreciar no río Miño e noutras áreas de titularidade provincial”.

Castiñeira di que o goberno provincial só se dedica a cubrir o expediente, como no día de hoxe, co acordo para levantar a suspensión do encargo a Tragsa do servizo en San Estevo e Os Peares. O portavoz provincial considera que ”está claro que o bipartito renega do turismo fluvial, polo que apostou decididamente o PP na provincia creando todos estes servizos e outros que xa non se dan; abrindo moitos dos paseos e áreas recreativas existentes”.

Castiñeira opina que “o goberno bipartito afunde o turismo fluvial igual que deixou afundir no Miño, na capital lucense, ao Pelegrín I, e dálle as costas aos rios Miño e Sil que son bandeiras turísticas desta provincia”.

Exit mobile version