“O tempo para salvar Alcoa e o emprego na Mariña esgótase”, advertiu a máxima dirixente popular na nosa provincia expoñendo que, con todo, “o Goberno de Pedro Sánchez aínda está a tempo” de reverter a situación da planta se cumpre o que leva prometendo ano e medio para dar unha solución para Alcoa. “O Goberno central ten nas súas mans establecer un prezo eléctrico competitivo para que a fábrica manteña a súa actividade e, polo tanto, o emprego”.
Candia asegura que “o Goberno de Sánchez lle está a dar as costas á fábrica de Alcoa” e sinala que “é a primeira vez que un Goberno de España se desentende”. A popular recorda que “houbo momentos difíciles e tanto o Goberno de Zapatero coma o de Rajoy estiveron á altura das circunstancias”. A popular explica que “o principal problema da fábrica é o elevado prezo da electricidade”, polo que, “demandamos que o Goberno lle garanta un prezo da enerxía eléctrica que lle permita competir con outras fábricas da Unión Europea”.
“Son moitas as familias da comarca da Mariña afectadas pola ameaza de peche da fábrica de Alcoa en San Cibrao”, recordan. “Nós estamos ao seu carón para defender os miles de postos de traballo que se ven ameazados nestes momentos” porque “defender o futuro de Alcoa é defender o futuro da Mariña”, conclúe a popular.