Barreiros, 5 de xuño de 2020. O goberno municipal de Barreiros vén de licitar obras de mellora e arranxo de vías municipais por un importe de 39.741,46€ máis IVE, correspondentes ao aforro obtido na adxudicación do plan único do 2019.
Segundo explica o concelleiro de obras, Antonio Veiga, “trátase de levar a cabo pequenas actuacións sobre a rede viaria municipal para tratar de que chegue a un estado de partida mínimo e, a partir desa situación, poder acometer melloras máis substanciais.”
As vías que se inclúen no proxecto para realizar arranxos nelas son o Camiño Novo en Reinante, acceso a barrio de Suigrexa, en Benquerencia; acceso a Fixoucos en Vilamar; acceso ao Barral en Celeiro; acceso na Rilleira e acceso desde o Teleclub en Vilamartín Pequeno
Pola contía dos traballos, a tramitación correspóndese con un contrato menor que podería adxudicarse directamente. Porén, o goberno municipal optou por solicitar oferta a todas as empresas que participaron na licitación inicial do plan único do 2019 e valorar o arranxo doutras vías complementarias para adxudicar, valoradas en 9.065,12€ máis IVE.
Así, ademais dos camiños incluídos no principal, as obras de arranxos poderán, en función das ofertas das empresas participantes, incluír arranxos na Baixada á Insua, acceso no Rego do Molido en Benquerencia, acceso en Vilamartín Grande desde a subida a Trabada, acceso en Novás en San Xusto, acceso desde Vilar ás vivendas sociais, en San Cosme, camiño dos Campos en San Miguel e camiño do Barreiro en Reinante.
Pendentes da resolución do plan marco de camiños para licitar máis arranxos.
O goberno municipal agarda tamén pola resolución por parte da Xunta de Galicia da solicitude de axuda con abeiro ao Plan Marco de Camiños 2020-2021 para poder licitar o arranxo dos camiños de acceso desde a N-634 a San Miguel, camiño de Escanlar ao Canteiro e accesos a Abelleira; todos eles en Benquerencia.
O importe de execución na licitación destes camiños en Benquerencia ascende a 36.635,68€ máis IVE, que se executará entre este ano e o seguinte.
Elaboración dos proxectos para o plan único 2020.
Nestes momentos, o equipo de goberno atópase ultimando a solicitude do Plan Único da Deputación para o ano 2020, no que tamén se incluirán obras de arranxos e melloras de viais. Antonio Veiga explica que “o que se está tratando é de atallar os problemas viarios máis importantes e de realizar actuacións en todas as parroquias, para tentar chegar a uns mínimos de mantemento e despois programar a medio prazo actuacións de maior calado na rede viaria.”