O rexedor municipal focense explica que “despois da noticia aparecida nos medios de comunicación sobre un brote de positivos do Covid-19 en distintos puntos da Mariña, quero transmitirlles a todas as veciñas e veciños de Foz e tamén a todos os visitantes que acoden ao noso concello que manteñan as precaucións e que sexan rigorosos coas medidas sanitarias, con distanciamento entre persoas e uso de mascarilla sempre que sexa posible”.
Ademais Fran Cajoto pídelle de novo ao actual presidente de Xunta de Galicia que “o Sergas e a Consellería de Sanidade poñan todos os medios para que o centro de saúde de Foz, nun momento no que triplicamos poboación, se dote do material e do persoal sanitario necesario; igual que ao noso Hospital da Mariña, centro de referencia que en tempo de verán pasa a ser para 200.000 habitantes. Necesitamos eses medios porque senón ante unha onda de contaxios como a que nos están a dicir que se produciu estamos indefensos. Seguimos esperando aínda a resposta á carta que lle enviamos porque non a recibimos. Esperamos que se teña en consideración ante estas noticias”.