Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfareiras e laranxas pelexarán polo título de liga, en directo por Teledeporte (domingo 28, 17.30 horas)

 Burela, 27 de xuño, 2020. O Pescados Rubén Burela FS pelexará polo título de liga mañá ante o AD Alcorcón FS, que onte gañou o pase á gran final grazas aos penaltis nun emocionante encontro ante o Ourense Envialia (3-3). Alfareiras e Laranxas saltarán á pista malagueña do Martín Carpena ante as cámaras de Teledeporte (17.30 horas).

Case once meses despois dese gran comezo de tempada cos títulos de 4Nations Futsal de Milán e a Supercopa de España, o Pescados Rubén Burela está a 24 horas do que pode chegar a converterse na terceira liga para a vitrina mariñá. As Guerreiras, tirando man da súa sempre incansable coraxe, souberon ir medrando partido a partido ante as adversidades e agora, despois de tres meses nos que a pandemia nos azoutou e nos fixo cambiar a todos a nosa forma de ver o mundo, teñen por diante o reto máis ilusionante: poder brindar unha gran alegría para a afección, A Mariña e toda a Familia Laranxa.

Alcorcón será o rival a bater. As madrileñas estrearon o play off exprés de Primeira RFEF Feminina cun magnífico espectáculo; a renda de 0-3 esvaeuse cunha gran reacción do Ourense Envialia na segunda parte, aínda así a fortuna dos penaltis caeu do lado do equipo que tomou a iniciativa no electrónico. O único enfrontamento da tempada entre madrileñas e mariñás tamén quedou en táboas (2-2), na xornada 10 en Vista Alegre.

Esta será unha final sen dúbida diferente, sen público para cumprir coas medidas sanitarias e coidar da saúde de tod@s e sen a sempre incondicional Marea Laranxa. No entanto, as Guerreiras sentiranse igualmente arroupadas sabendo que centos de miradas mariñás estarán seguindo o partido co mesmo pulo que se estiveran na bancada do Martín Carpena. Porque, sen dúbida, sodes a mellor afección de España!!!!

Exit mobile version