Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA presenta o informe “5 verdades e 5 mentiras sobre Alcoa” na procura dunha solución integral para A Mariña

 Lugo, a 12 de xuño de 2020. ADEGA elaborou o Informe “5 Verdades e 5 mentiras sobre Alcoa. Na procura dunha solución integral para a Mariña” para introducir a perspectiva da organización ecoloxista no debate público que se está xerando arredor do futuro de Alcoa na Mariña Lucense ademais doutros elementos de discusión que contribúan a facer unha análise da situación máis xusta, equilibrada e integral. Para ADEGA, o obxectivo do debate non debe ser procurar unha solución para Alcoa senón para a Mariña lucense, tendo en conta que esta pode estar lonxe da permanencia da firma estadounidense ou, mesmo, da produción de aluminio tal e como agora se fabrica.
Desde ADEGA temos claro que a decisión de peche da multinacional estadounidense non ten volta atrás. Tal e como se fundamenta no informe, os motivos da súa marcha non teñen a ver co prezo da luz no Estado español, senón cun proceso de reconversión industrial do sector na procura de novas formas de produción máis rendibles e sustentables. Por iso, cómpre virar o debate cara a procura dunha alternativa económica, social e ambiental para a Mariña, e non para Alcoa.
Solución inmediata para os postos de traballo ameazados
ADEGA coincide co expresado por sindicatos e administracións públicas en que nestes momentos o prioritario debe ser dar solución inmediata aos máis de 800 traballadores/as cuxos empregos están ameazados, polo peche parcial das instalacións de San Cibrao. A este respecto, cremos o Estado ten por diante unha oportunidade clara de mitigar o impacto dos despedimentos de Alcoa, sen comprometer o futuro do sistema eléctrico español e sen sacrificar outras potencialidades produtivas da comarca. O goberno español podería facer uso dos fondos procedentes da UE destinados a solventar os efectos da pandemia no emprego e na economía para cubrir as rendas salariais ameazadas e incentivar novas fórmulas de creación de emprego na comarca.
En ningún caso, a resolución do actual conflito laboral debe levar aparellada a condonación da débeda ecolóxica de Alcoa ou imprimir unha urxencia innecesaria ao deseño político e social do futuro desenvolvemento da Mariña lucense ou do noso sistema enerxético e industrial, comprometéndoo de novo aos intereses da industria electrointensiva.
Pago da débeda ecolóxica e un modelo industrial máis sustentable
Nesoutra reflexión social máis sosegada e profunda, ADEGA cre necesario introducir novos elementos de discusión alén do factor laboral. Debemos garantir o resarcimento da débeda ecolóxica de Alcoa con Galiza a nivel de consumo eléctrico, contaminación atmosférica,
contaminación por flúor, vertidos ao mar e ocupación dunha superficie de 73Ha con máis de 41 Hm3 de lamas vermellas, para as cales a día de hoxe aínda non hai solución.
Debemos avaliar cales son as potencialidades do sector do aluminio na Mariña lucense máis alá do actual sistema de produción que resulta altamente agresivo co territorio, depredador de recursos, hiperintensivo no consumo de enerxía e contrario aos novos paradigmas da transición ecolóxica e da economía circular. Coidamos necesario que se estuden alternativas de produción ligadas á reciclaxe do aluminio máis acordes a un modelo de industrial sustentable e xerador de postos de traballo. Resulta paradoxal que mentres en Lugo e en Galiza cargamos cos custes ambientais e sociais da produción do aluminio, noutros lugares do Estado estean a promover plantas de reciclaxe do metal.
Ademais de pular por atraer as industrias de transformación do sector, a Xunta e o Estado deberían estar planificando incentivos e programas de desenvolvemento doutras actividades económicas con grandes potencialidades na comarca e alleas á industria aluminio. A agricultura ecolóxica, a transformación da madeira, a actividade pesqueira ou a turística-cultural, doutra volta castigada pola chegada de Alcoa, deben recobrar protagonismo na reconstrución dun futuro para a comarca.
Así pois, a medio e longo prazo, ADEGA insta á Xunta e a todas as institucións e forzas galegas a abandonar as actuais propostas de reforzo dos sectores electrointensivos (de elevado impacto ambiental e en emisións contaminantes) para pór sobre a mesa o desenvolvemento dun novo modelo industrial e económico máis sustentable, diversificado, que deixe beneficio na sociedade e para o que poidamos esixir o financiamento do Estado e da Unión Europea.
Falsas verdades sobre Alcoa
No informe “5 Verdades e 5 mentiras sobre Alcoa. Por unha solución integral para a Mariña”, ADEGA tamén propón desbotar do debate público e político algunhas afirmacións que carecen de fundamento e que contribúen a confundir a opinión pública, poñendo obstáculos na procura dunha solución viable, xusta e ecolóxica para a comarca da Mariña.
Unha das principais falacias nas que caeu o debate social sobre a situación de Alcoa é a de situar as razóns do peche da factoría de San Cibrao na carestía do prezo da luz eléctrica no Estado español e na falta fun estatuto para industrias electrointensivas. Nada máis lonxe da realidade. Malia que este argumento lle serviu á Alcoa para obter axudas públicas multimillonarias na última década, agora xa non repara en recoñecer que o prezo da luz nada ten que ver coa súa marcha. Aínda así, a Xunta teima equivocadamente en situar nesta cuestión a resolución do conflito.
Tamén rebatemos o uso de cifras do PIB infladas interesadamente para magnificar a importancia de Alcoa na economía do conxunto da provincia de Lugo e poñemos en cuestión o carácter estratéxico atribuído á factoría de Alcoa en San Cibrao ou a súa competitividade a nivel global, tal e como agora está concibida hoxe en día a produción de alúmina e aluminio en Galiza.

Exit mobile version